A OPTI conecta a 10 empresas tecnolóxicas de India co ecosistema galego
mércores, 5 de novembro do 2025
Esta mañá o Club Cámara Noroeste (A Coruña) foi escenario dun encontro empresarial entre 10 empresas tecnolóxicas de India e representantes do ecosistema galego de innovación, no marco do evento Synergy Nexus, organizado por Startup.st en colaboración coa Oficina de Promoción Tecnolóxico-Industrial (OPTI) da Cámara da Coruña.
A xornada tivo como obxectivo “fomentar alianzas estratéxicas, oportunidades de investimento e cooperación tecnolóxico entre ambos os países”, con especial foco en sectores como intelixencia artificial, a cadea de bloques (blockchain), a Industria 4.0, a saúde dixital e a sustentabilidade.
O evento foi inaugurado por Daniel Tafalla, xerente da OPTI, quen destacou o papel de Galicia como polo de atracción para a innovación internacional. A continuación, sucedéronse varios paneis temáticos: A área da Coruña como destino tecnolóxico, con intervencións de Natalia Barros (IGAPE) e Pablo J. Román Galicia de Green DC (Nostrum Group); O eixo A Coruña-Ferrol como nodo loxístico do Atlántico, con representantes das autoridades portuarias de ambas as cidades; o panel Ecosistema TIC, IA e Deeptech, con Antonio Rodríguez del Corral presidente do Clúster TIC Galicia e expertos da Cátedra IA Inditex-UDC, AESIA e CITIC; e Capacidades en I D i, con participación de Grupo VARPA (UDC) e os centros tecnolóxicos galegos ITG e Gradiant.
O bloque final estivo dedicado ás presentacións breves das 10 empresas indias que presentaron as súas solucións tecnolóxicas e plans de expansión en España, mostrando un gran interese por establecerse en Galicia como porta de entrada ao mercado europeo.
O encontro pechou cunha intensa sesión de traballo en rede e reunións B2B, ademais das visitas ao Porto Exterior da Coruña e á Cidade das TIC.
O evento reforza o compromiso da OPTI co impulso innovador e a proxección internacional da área coruñesa e o seu tecido tecnolóxico.
