A OPTI realizou máis de 366 reunións e identificou máis de medio cento de proxectos

xoves, 5 de xuño do 2025 S. P.

A Cámara de Comercio da Coruña fixo balance da actividade da Oficina de Promoción Tecnolóxico-Industrial (OPTI) dende a súa constitución, impulsada para catalizar iniciativas empresariais e innovadoras na comarca.
A actividade da OPTI seguiu “unha tendencia de crecemento sostido”, informou a entidade camaral, detallando que desde a súa constitución realizáronse máis de 366 reunións, 51 proxectos identificados, 111 accións facilitadoras, 35 participacións en eventos e 9 proxectos en fase avanzada de instalación e 3 misións estratéxicas.
Ademais, 15 iniciativas empresariais mostraron gran interese en implantarse na área de influencia da OPTI, cun total de 256 empregos estimados derivados dos 9 proxectos que se atopan xa en fase de desenvolvemento. O 65% das iniciativas xestionadas son de orixe internacional, “o que demostra a crecente proxección exterior do ecosistema innovador coruñés”, explicou a Cámara, engadindo que o volume de investimento total estimado supera os 726 millóns de euros, incluíndo dous grandes proxectos de enerxías renovables que supoñen por si sós máis de 718 millóns. Excluíndo estes dous, o investimento directo do resto de iniciativas ascende a 8,8 millóns de euros, distribuídos en sectores como economía circular, saúde dixital, TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), legaltech, e-loxística ou agrotech.
A rede de partners internacionais da OPTI cobre actualmente 38 países con presenza en mercados crave como EE.UU., México, Emiratos Árabes, India, China, Brasil, Singapur ou Turquía.
Como parte da súa estratexia de conexión global, a próxima semana a OPTI acollerá unha nova misión inversa, na que participarán catro empresas do sector TIC procedentes de Latinoamérica e España. Esta iniciativa ten como obxectivo facilitar o coñecemento directo do ecosistema de innovación da Coruña e servirá de ponte entre os investidores e os centros de investigación da Universidade da Coruña, aproveitando as xornadas de portas abertas do programa UDC Conecta.
A OPTI ofrece acompañamento personalizado a empresas interesadas en establecerse na área, para o que realiza unha xestión integral do proceso de investimento para facilitar a súa entrada ao mercado local. Ademais, axúdalles a conectar co ecosistema de innovación, promovendo colaboracións estratéxicas á vez que promove as vantaxes competitivas da Coruña como destino tecnolóxico de referencia.