A Obama Girl confírmase coma o fenómeno de Internet do momento

venres, 20 de xullo do 2007 Marcus Fernández

A carreira polas candidaturas á presidencia dos EE.UU. está a ter un bo espello na Rede, pero como xa vén a ser nos últimos tempos, non son os políticos os únicos protagonistas, senón que hai contido creado polos usuarios promovendo ós distintos aspirantes, resultando especialmente destacable o caso dunha moza que xa responde ó nome de Obama Girl.

Enfrontamento musical entre a Obama Girl e a Guliani Girl

A rapaza dedicou un videoclip, I Got a Crush... On Obama, a un dos aspirantes á candidatura presidencial do partido demócrata nos EE.UU. e que se converteu nun auténtico éxito en YouTube con preto de 3 millóns de visitas e que lle valeu a súa aparición en informativos de todo o mundo, polo que agora está a tirarlle proveito dende un blog e un novo videoclip, non que se amosa un enfrontamento entre a moza que defende a Barack Obama e outra que fai o propio co potencial candidato republicano, Rudolph Guliani.


Primeiro vídeo da Obama Girl


Obama Girl vs Guliani Girl



Vídeo en apoio á Hillary Clinton

Estes vídeos están a ter moita repercusión na Internet, e non sorprendería que a protagonista de todo este rebumbio (que non se sabe se beneficia ou prexudica a Obama) se convertese nunha estrela do cine ou da televisión, xa que dá a impresión de que vai repetir a historia de éxito de Lonelygirl15 (a web na que naceron os vídeos da Obama Girl foi creada ad hoc).
Agora, o fenómeno da creación de vídeos de promoción de políticos parece unha idea contaxiosa, e non falta o blog e o vídeo que promoven a figura de Hillary Clinton como candidata demócrata.
¿Durará tanto o fenómeno como para replicarse noutros países? ¿Veremos algún día a mozas exuberantes promovendo a candidatura de Rodríguez Zapatero ou a de Mariano Rajoy? ¿Aproveitarán os políticos galegos o poder de contaxio de certos vídeos para promover a súa imaxe?