A Oficina Acelera PEME Rural da Deputación e o Concello de Brión organizan un obradoiro para empresarios locais

xoves, 1 de febreiro do 2024 S. P.

A Aula CeMIT do Concello de Brión acolleu a xornada gratuíta A transformación dixital da empresa dende a perspectiva do cliente, organizada pola Oficina Acelera PEME Rural da Deputación da Coruña e o Goberno local. “Foi un obradoiro dixital no que exploramos como as estratexias dixitais impactan na experiencia do cliente e a adaptación das empresas ás demandas dixitais, destacando o trato persoal e a innovación para satisfacer as expectativas do cliente na era dixital”, apuntou a docente Judit Cabana.
Así, as persoas asistentes coñeceron que o 40% das compras que se fan en España se realizan de maneira online, así como outros datos como que o 64% dos compradores de Amazon só mercan nesa plataforma. Así mesmo, achegáronse aos condicionantes que a lexislación, a ciberseguridade ou a loxística poñen á hora de desenvolver esta actividade. Fronte a iso, contrapuxeron algunhas das vantaxes e oportunidades da venda en liña como a personalización do cliente, a axilidade nas vendas, a segmentación do mercado e mesmo o posicionamento da empresa dentro do seu sector.
Finalmente, Judit Cabana puxo exemplos dos distintos modelos de negocio online e canais de venda tales como comercio electrónico, tendas en liña, dropshipping...
A xornada rematou cun intercambio de experiencia entre todas as persoas asistentes.