A Oficina de Promoción Tecnolóxico-Industrial da Cámara da Coruña facilita a implantación de novos proxectos

luns, 18 de decembro do 2023 S. P.

A Oficina de Promoción Tecnolóxico-Industrial da Coruña e a súa área de influencia (OPTI), impulsada pola Cámara da Coruña, vén de facer balance dos seus primeiros meses de actividade. Así, desde que iniciou a súa andaina no mes de maio, acadou acordos cos principais axentes de xestión de solo industrial, como poden ser Xestur ou SEA (Solo Empresarial do Atlántico), ademais de alianzas con entidades como a Universidade da Coruña para establecer sinerxías coa Cidade dás TIC, coa Autoridade Portuaria da Coruña ou co Concello de Carballo. “Nestes momentos hai importantes proxectos en vías de negociación que poderían ver a luz nos vindeiros meses e que serán un importante impulso para a economía da área”, destacan desde a entidade.
A Oficina ten como principal obxectivo captar e atraer investimento tecnolóxico e industrial, principalmente no contexto da Industria 4.0. Así mesmo, as actuacións que se realicen estarán aliñadas coas políticas en materia de promoción industrial e atracción de investimentos existentes a nivel europeo, nacional, autonómico e local.
Segundo informou a Cámara, o Plan de Promoción Tecnolóxico-Industrial da Coruña e a súa Área de Influencia, parte dunha profunda análise da economía coruñesa, “que pon de manifesto a progresiva perda de peso do sector industrial na zona, fronte a un sector terciario que foi gañando protagonismo”. Neste sentido, aínda que “é certo que un sector servizos forte constitúe unha importante fonte de emprego e riqueza, ademais dunha gran vantaxe competitiva”, o estudo sinala que “hoxe en día está aceptado de maneira xeneralizada que a capacidade de crecemento económico non pode nin debe depender exclusivamente destas actividades cunha perspectiva a longo prazo, mentres que un sector industrial potente resulta unha peza clave para o desenvolvemento dunha economía moderna e para a xeración de emprego na Coruña e a súa área de influencia”.

PUBLICIDADE