A Oficina de Software Libre de Ames móstranos como aforrar na factura da luz
xoves, 14 de setembro do 2023
A
Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL), xunto coa
colaboración da Concellería de Benestar Social do Concello de Ames,
comeza unha nova tempada na que organizará novas actividades de
formación en novas tecnoloxías e outras cuestións de interese. A
primeira actividade está prevista para este sábado 16 de setembro,
de 11.00 a 13.00 horas, no Milladoiro. Trátase
dunha xornada que ten como obxectivo “entender os conceptos que
veñen na nosa factura da luz”, así como “explicar as claves
para conseguir aforrar e pagar menos pola luz das nosas casas ou
negocios”.
Esta actividade
impartirase no local que está situado no antigo centro de saúde do
Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8.
A
concelleira de Benestar Social, Uxía García, indica a respecto
desta actividade formativa que “seguimos colaborando unha tempada
máis coa Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL)
co obxectivo de reducir a fenda dixital para colectivos vulnerábeis
e minorar o lixo electrónico no municipio”. Segundo explica, os
meses que leva este servizo en funcionamento serviu para que a
cidadanía coñeza a existencia da Oficina e do Banco de reciclaxe,
que xa recibiu doazóns de equipos que a xente non utiliza e que
poden ser acondicionados para un novo uso, favorecendo tamén a
economía circular”.
Trátase
da primeira actividade do curso da Oficina de Voluntariado
Informático de Sofware Libre e do Banco de Reciclaxe Electrónica de
Ames, unha iniciativa impulsada po AGASOL, xunto coa colaboración da
Concellería de Benestar Social do Concello de Ames. A oficina de
Software Libre e banco de reciclaxe electrónica de Ames é un
proxecto posto en marcha polo Concello de Ames e a Asociación de
Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL).
Cómpre
lembrar que a Oficina de Software Libre centra as súas actividades
en divulgar as novas tecnoloxías en software libre entre os grupos
sociais menos favorecidos. Para conseguilo, impártense cursos de
formación e realízanse actividades de alfabetización dixital para
aquelas persoas que o necesiten. Ademais, ofrécese axuda para
resolver dúbidas relacionadas coa tecnoloxía e establécese como un
punto de encontro onde aprender, compartir e construír.
Durante
o pasado curso a Oficina desenvolveu catro actividades de formación
e divulgación de tecnoloxías de software libre. En concreto,
realizou dous obradoiros sobre a posta a punto, reciclaxe e
instalación de computadores, outro sobre a seguridade dixital básica
e un taller de iniciación á reparación e reciclaxe de
altofalantes.