A Oficina de Software Libre de Ames móstranos este sábado como converternos en reparadores tecnolóxicos
mércores, 18 de outubro do 2023
Este sábado, 21 de outubro celébrase unha nova
actividade da Oficina de Voluntariado Informático de Software Libre
de Ames, unha iniciativa impulsada por AGASOL coa colaboración da
Concellaría de Benestar Social do Concello. A Oficina de Software
Libre e Banco de Reciclaxe Electrónica de Ames é un proxecto posto
en marcha polo Concello de Ames e a Asociación de Empresas Galegas
de Software Libre (AGASOL). Desta
volta, impartirase o obradoiro Repair café de equipos
informáticos, con motivo da celebración do Día Internacional
da Reparación.
“Coa elección deste tema”, explican dende a
Oficina, “búscase salientar que non só os reparadores
profesionais deben ter acceso á información de reparación”. Así,
engaden, o voluntariado dos Repair Cafés e os consumidores
comúns “tamén deben poder beneficiarse deste apoio”, con
arranxos asumíbeis e accesíbeis, do mesmo xeito que as pezas de
reposto, que “tamén deben estar amplamente dispoñíbeis e
entregarse rapidamente cando se necesiten. En base a isto, axudarase
aos participantes a reparar os seus propios equipos.
A
inscrición pódese realizar premendo na ligazón específica
habilitada. A actividade impartirase no local que está situado
no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio,
número 8, de 11:00 a 13:00 horas.
Divulgación das novas tecnoloxías en
software libre
Cómpre lembrar que a Oficina de
Software Libre centra as súas actividades en divulgar as novas
tecnoloxías en programas abertos entre os grupos sociais menos
favorecidos. Para conseguilo, impártense cursos de formación e
realízanse actividades de alfabetización dixital para aquelas
persoas que o necesiten. Ademais, ofrécese axuda para resolver
dúbidas relacionadas coa tecnoloxía e establécese como punto de
encontro onde aprender, compartir e construír.
As actividades do presente curso comezaron o
pasado 16 de setembro co obradoiro Aforra na túa factura da luz.
Durante o pasado curso a Oficina desenvolveu catro actividades de
formación e divulgación de tecnoloxías de software libre. En
concreto, realizou dous obradoiros sobre a posta a punto, reciclaxe e
instalación de computadores, outro sobre a seguridade dixital básica
e un obradoiro de iniciación á reparación e reciclaxe de
altofalantes.