A Oficina de Software Libre de Ames ofrece un obradoiro para converter ordenadores en máquinas recreativas

mércores, 25 de setembro do 2024 S. P.

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL), coa colaboración da Concellaría de Benestar Social do Concello de Ames, organiza un obradoiro para converter o noso PC nunha máquina recreativa. Esta actividade está prevista para este sábado, 28 de setembro, de 11:30 a 13:30 horas, no Milladoiro. Será impartida por persoal da Oficina de Software Libre de Ames dentro das súas actividades de divulgación das novas tecnoloxías en Software Libre se xa está aberta a súa inscrición.
Lembrar que a Oficina de Voluntariado Informático de Software Libre é unha iniciativa impulsada por AGASOL coa colaboración da Concellaría de Benestar Social do Concello de Ames. A Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe Electrónica de Ames é un proxecto posto en marcha polo Concello de Ames e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL).
Cómpre lembrar que a Oficina de Software Libre centra as súas actividades en divulgar as novas tecnoloxías en software libre entre os grupos sociais menos favorecidos. Para conseguilo, impártense cursos de formación e realízanse actividades de alfabetización dixital para aquelas persoas que o necesiten. Ademais, ofrécese axuda para resolver dúbidas relacionadas coa tecnoloxía e establécese como punto de encontro onde aprender, compartir e construír.
Durante o pasado curso a Oficina desenvolveu diferentes actividades de formación e divulgación de tecnoloxías de software libre. En concreto, realizou o obradoiro Posta a punto, reciclaxe e instalación do teu computador; outro sobre bicicletas eléctricas e mantemento de baterías; e un terceiro denominado Repair café de equipos informáticos.