A Oficina de Software Libre de Ames organiza un obradoiro de posta a punto de computadores
martes, 23 de abril do 2024
A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL), coa colaboración da Concellaría de Benestar Social do Concello de Ames, organiza este mes un obradoiro de posta a punto, reciclaxe e instalación de computadores. Esta actividade impartirase o sábado, 27 de abril, en horario de 11:30 a 13:00 horas. Trátase dunha xeira de traballo colaborativo impartido por persoal da Oficina de Software Libre de Ames dentro das súas actividades de divulgación das novas tecnoloxías en Software Libre. A inscrición pódese realizar en liña.
Esta é a primeira actividade da programación de 2024. En termos máis concretos, consiste nun taller de posta a punto, reciclaxe e instalación de computadores que busca reducir a fenda dixital para os colectivos vulnerábeis e minorar o lixo electrónico. “A posta a punto dun computador resulta fundamental para que poidas traballar de forma eficiente e sen necesidade de investir grandes cantidades de diñeiro”, sinalan dende AGASOL.
Este obradoiro está dirixido a persoas que queiran aprender a instalar un sistema operativo libre, navegador, suite ofimática, reprodutor de audio e vídeo, programa de edición de imaxes dixitais, etc. A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón. A actividade impartirase na Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe de Ames, situada no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8, de 11:00 a 13:00 horas.
Cómpre lembrar que a Oficina de Software Libre centra as súas actividades en divulgar as novas tecnoloxías en software libre entre os grupos sociais menos favorecidos. Para conseguilo, impártense cursos de formación e realízanse actividades de alfabetización dixital para aquelas persoas que o necesiten. Ademais, ofrécese axuda para resolver dúbidas relacionadas coa tecnoloxía e establécese como punto de encontro onde aprender, compartir e construír.
Durante o pasado curso a Oficina desenvolveu diferentes actividades de formación e divulgación de tecnoloxías de software libre. En concreto, realizou o obradoiro Aforra na túa factura da luz; outro sobre Automatización da túa casa, controla o teu fogar; e un terceiro denominado Repair café de equipos informáticos.