A Oficina de Voluntariado da UDC promove a creación dun Banco de Reciclaxe Electrónica
luns, 14 de outubro do 2024
A partires do próximo xoves 17 de outubro, a aula -1.5 do Edificio de Apoio ao Estudo do Campus Industrial de Ferrol acollerá de xeito permanente un Banco de Reciclaxe Electrónica con Software Libre. Trátase dunha iniciativa de recollida e reacondicionamento de material informático que promove a Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) da Universidade da Coruña xunto co Programa Green Campus Ferrol e en colaboración coa Asociación Enxeñaría Sen Fronteiras (ESF).
Segundo explican dende a Oficina sobre o xeito de funcionar do Banco, “unha vez reacondicionado, ese material informático, principalmente ordenadores de sobremesa e portátiles cedidos pola Universidade da Coruña, seralle entregado a varias ONG de carácter social da contorna para que os repartan entre os seus usuarios e usuarias”.
Explican tamén que as persoas beneficiarias recibirán, de xeito totalmente gratuíto, un curso de ofimática básica con software libre da man do persoal da Asociación Enxeñaría Sen Fronteiras.
O Banco de Reciclaxe Electrónica con Software Libre do Campus Industrial de Ferrol é o segundo espazo destas características que ten a Universidade da Coruña. De feito, o primeiro creouse a finais do ano 2020 e está situado na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, no Campus da Coruña. Ademais, en Galicia existen en funcionamento outros tres espazos similares: o Banco de Reciclaxe Municipal de Teo, o Banco de Reciclaxe da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (UVigo), xestionado en colaboración coa Asociación Enxeñaría Sen Fronterias, e o Banco de Reciclaxe Municipal e Oficina de Software Libre de Ames, este último nado en 2022 grazas ao apoio da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) e ao Banco de Teo.
Tal e como indican desde a Asociación Enxeñaría Sen Fronteiras, a través desta iniciativa, os chamados bancos de reciclaxe electrónica con software libre pretenden promover o uso dos programas non privativos e da soberanía dixital, a reutilización de equipos electrónicos para aumentar a súa vida útil, a diminución dos residuos e a extracción de materiais, a promoción da electrónica ética así como a redución da fenda dixital.
A súa primeira actividade, un Repair Café de ordenadores e bicicletas
O Banco de Reciclaxe Electrónica con Software Libre do Campus Industrial de Ferrol acolle o vindeiro xoves 17 de outubro, de 16:30 a 19:30 horas na aula -1.5 do Edificio de Apoio ao Estudo, a súa primeira actividade, un Repair Café de ordenadores e bicicletas. As persoas interesadas en participar nesta iniciativa deberán levar os seus propios equipos informáticos e/ou bicicletas para poder arranxalos baixo o seguimento do persoal da Asociación Enxeñaría Sen Fronteiras. Máis información e inscricións enviando un correo electrónico a bancoreciclaxecoruna@galicia.isf.es.