A Ourense ICC Week celebrará o espírito gamer e o talento TIC das mulleres galegas

xoves, 5 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Quen queira creatividade e espírito argalleiro aplicado ás múltiples facianas do dixital, vaino ter en Ourense a primeira semana de maio, a conto da cuarta edición do evento Ourense ICC Week, organizado un ano máis pola Deputación de Ourense, desta volta co engadido extra (un engadido extra moi destacábel) de poñer o foco nas importantes contribucións pasadas, presentes e futuras das mulleres á innovación, ao coñecemento avanzado e a todas as cousas que nos transforman para mellor e nos fan a vida máis doada e sustentábel. As actividades previstas para os días comprendidos entre o 2 e o 5 de maio inclúen unha quedada informática, a ICC Technium R Encounter, e máis unha competición a gran escala de seareiros dos deportes dixitais, a ICC eSports.
Estas accións, abeiradas á etiqueta ICC Gamers, compleméntanse coa que ao noso parecer é a actividade estrela do programa: a xornada Unha viaxe cara a Sociedade do Coñecemento, prevista para o 4 de maio. Será, como dixemos antes, unha apaixonante viaxe ás importantes achegas das mulleres tech.
Volvendo a ICC Gamers, escaparate das últimas tendencias en videoxogos e deportes en liña, contará coa colaboración da Deputación de Ourense, a Universidade de Vigo, R euskaltel, a Federación Galega de Automobilismo e Mahou.
Indo ao miolo desta vertente de lecer dixital, a xuntanza ICC Technium R Encounter botará a andar o día 3 de maio ás 18 horas e rematará o 6 de maio á mesma hora, no Pavillón Universitario de Ourense. A edición 2018 da quedada informática terá catro grandes torneos: League Of Legends, Counter Strike Global Offensive, Hearthstone e Super Smash Bros Brawl. Haberá 4.000 euros en premios en torneos ou en outras actividades lúdicas dentro da party.
A xeito de curiosidade lembrar que na pasada edición, o moañés Aarón González Santomé, acadou un novo récord Guinness do xogo Final Fantasy 10, logo de permanecer 40 horas consecutivas competindo.
Volvendo ao apartado de xogos, este completarase coa devandita actividade ICC eSports, que tamén se celebrará no Pavillón Universitario de Ourense, o 5 de maio ás 10 horas até o 6 de maio ás 15 horas. Dentro desta celebración os torneos que se disputarán serán: FIFA 18, Clash Royale, e GT Sports. A entrada aos mesmos pode adquirirse estes días en Ticketea (podéndose acceder a ela a través da web www.technium.es). Neles poderán participar xente de fóra da ICC Technium R Encounter, así como as persoas da propia party.
Alén destas actividades ligadas ao lecer dixital, a Ourense ICC Week 2018 será moito máis. Haberá, de feito, achegamentos diversos ás novas tecnoloxías, ao humor, á música e mesmo premios para xestoras/es culturais de Galicia. En concreto, no que se refire aos novos sectores emerxentes e ás TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación), o 4 de maio as mulleres tecnolóxicas serán as protagonistas da xornada coa actividade Unha viaxe cara a Sociedade do Coñecemento, que contará coa presenza de diversas expertas-profesionais do noso ámbito innovador. O cometido desta celebración será visualizar ao máximo o importante papel despregado polas nosas mulleres referentes e expertas en tendencias de máxima actualidade, como por exemplo a realidade virtual, a realidade aumentada, o mundo do software, a chamada gamificación (aplicar en actividades da vida real metodoloxías propias dos videoxogos, estimulando a creatividade e a cooperación) ou a economía colaborativa.
Nesta xornada de mulleres tech, Sara Rodríguez, Cynthia Gálvez e Luz Castro contarán de primeira man o que están a facer e mostrarán o que está por vir en materia de tecnoloxías e, por suposto, en materia de tecnoloxías impulsadas dende o ámbito feminino e con vontade de romper calquera fenda de xénero, incluídas as dixitais.
Por outra banda, na mesma xornada do 4 de maio o presidente da AGAG (Asociación Galega de Guionistas), Nico Campos, falará das novas sobre o futuro dos contidos, os guións e a dirección, achegando as vivencias do sector da man da da directora e escritora, Gracia Querejeta, autora de filmes tan destacábeis como A derradeira viaxe de Robert Rylands ou a máis recente Felices 140.

PUBLICIDADE