A PS Vita baixará de prezo no Xapón

luns, 18 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Non é ningún misterio que as últimas consolas en chegar ao mercado están a ter un grado de adopción moi modesto, e ao igual que a Wii U está a rexistrar malas vendas, á PS Vita de Sony tamén acontécelle o mesmo, chegando a vender menos de 10.000 unidades no Xapón algunha semana, mentres que a súa competidora máis directa, a Nintendo 3DS, colaca unhas 70.000 unidades. Para poder mudar a situación dende Sony realizaron unha emisión por streaming na que o responsable para o territorio xaponés, Hiroshi Kawano, anunciou que os usuarios da portátil poderán gozar unha semana de balde do servizo PlayStation Plus (o que permitiralles, entre outras cousas, descargar de balde o xogo Uncharted: El Abismo de Oro, así como a rebaixa de prezo da consola o vindeiro día 28.
Coa rebaixa da consola tanto o modelo 3G (actualmente á venda por 29.980 iens) e o modelo Wi-Fi (dispoñible por 24.980 iens) pasarán a venderse a 19,980 iens (159 euros), baixada de prezo que polo momento non se aplicará a Europa, aínda que é de agardar que chegue poucas semanas despois (como aconteceu en ocasións anteriores). Cómpre destacar que aínda que o prezo oficial da PS Vita en España sexa de 249,90 euros, é relativamente doado atopala a menos de 200 euros (incluso en grandes cadeas de venda de videoxogos), dando a impresión de que o propio mercado está a intentar axustar o prezo da consola portátil de Sony á realidade, pois tras un ano no mercado está a resultar moi pouco relevante, correndo o risco de non ser capaz de superar á súa predecesora (que tampouco puido considerarse un grande éxito, por ser abandonada por moitos desenvolvedores alleos a Sony).

Soul Sacrifice poderase mercar xunto a unha PS Vita vermella

Durante o anuncio da rebaixa de prezo da PS Vita, Kawano tamén deu detalles sobre futuros xogos de tal plataforma, como Toukiden, título dos desenvolvedores de Dysnasty Warriors que soportará ata 4 xogadores e estreará demo en abril; Soul Sacrifice, que venderase no Xapón a partir do 7 de abril, podéndose adquirir conxuntamente cunha PS Vita de cor vermello; Gundam Breakers (de Namco Bandai) e Valhalla Knights 3, que chegarán ao longo do presente ano.
Sen dar detalles sobre o seu lanzamento tamén amosaron imaxes de God Eater 2 e Final Fantaxy X HD.

PUBLICIDADE