A PS Vita estrea aplicación para YouTube

martes, 26 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Os usuarios norteamericanos da consola portátil PS Vita de Sony poden descargar de balde dende hoxe unha nova aplicación que facilita o acceso aos vídeos de YouTube directamente no seu dispositivo portátil, de xeito que a pantalla OLED de 5 polgadas da Vita serve para ver os millóns de vídeos da plataforma en liña de Google, estando tal funcionalidade tamén dispoñible a través de consolas que se conecten á Rede a través de 3G.
A nova aplicación ten sección de vídeos recomendados, permite realizar buscas, deixa consultar o historial de vídeos reproducidos e permite amosar os clips que marquemos como favoritos. Como acontece con outras versións móbiles de YouTube, a aplicación pode funcionar a pantalla completa, ou con información adicional en pantalla (como comentarios, vídeos relacionados ou botóns para indicar se gustamos dun vídeo).
Esta aplicación súmase a outras como Skype ou Facebook, que melloran as posibilidades da PS Vita máis aló dos videoxogos e, aínda que polo momento non está dispoñible dende España, é posible que iso cambie en poucos días, pois o seu lanzamento europeo está previsto para entes de rematar o presente mes.

A aplicación de YouTube pode reproducir os contidos en tamaño reducido ou a pantalla completa

PUBLICIDADE