A PS4 chegará a España o 29 de novembro

martes, 20 de agosto do 2013 Marcus Fernández

A conferencia de Sony desta tarde durante a Gamescom serviu para amosar boa parte do catálogo para PS Vita e PlayStation 4 para os vindeiros mes e para pór finalmente data ao lanzamento da PS4 en Europa, que será o 29 de novembro (un par de semanas despois que nos EE.UU.) a un prezo de 399 euros, incluíndo 15 días de proba de PlayStation Plus e acceso de balde ao xogo de condución DriveClub e ao shooter Resogun. Na presentación tamén presumiron de que xa se reservaron un millón de unidades da futura PS4.
Ante o lanzamento da nova consola Sony tamén quere revitalizar as súas consolas actuais, e anunciaron que tanto a PlayStation Vita como a PlayStation 3 con 12 Gb de almacenamento interno pasan a ter un prezo oficial de 199 euros (aínda que xa era posible conseguilas por debaixo de tal prezo dende hai certo tempo) dando a entender que aínda teñen vida por diante, e que pode ser unha boa oportunidade para facerse con elas, especialmente coa PS Vita, plataforma portátil considerada por moitos como morta (as súas vendas son insignificantes comparadas coas da Nintendo 3DS) pero que, aparte das posibilidades que achegará ao utilizala en combinación coa PS4, recibirá algúns xogos destacables como Borderlands 2 (xogo de acción que tivo grande éxito en plataformas domésticas), Football Manager 2014, Murasaki Baby e BigFest, entre outros. Dende Sony tamén esperan poder reducir en breve o prezo das tarxetas de memoria para PS Vita, que é un dos elementos que encarece o seu prezo e que está a lastrar á portátil (especialmente de cara á adquisición de contidos mediante descarga).
Dentro das novidades anunciadas por Sony podemos destacar que o universo de LittleBigPlanet vai ampliarse cunha descarga de balde a través da PlayStation Network, LittleBigPlanet HUB, que dará acceso a moito contido dende finais de ano. Como servizos en liña tamén destacaron que continuarán a apostar por PlayStation Plus, que aparte de para PS3 e PS Vita tamén funcionará en PS4, prometendo que achegará un xogo de calidade ao mes para a nova consola (o primeiro será o mencionado Resogun. Con PlayStation Plus tamén estarán dispoñibles 2 Gb de almacenamento en liña (aos que engadirase 1 Gb adicional para usuarios de PS4). Este servizo continuará a ter un prezo de 6,99 euros/mes, aínda que pode resultar bastante máis económico de contratarse por un ano (49,99 euros).

Sony pretende facilitar ofertas para contratar banda larga no fogar

Na rolda de prensa da compañía nipoa amosáronse numerosos trailers e adiantos de xogos, destacando que a PS4 terá moi en conta aos desenvolvedores independentes, informando de que darán moita importancia á retransmisión de vídeo en vivo dende a consola e incluso adiantando que están a pechar acordos con provedores de acceso á Rede (entre os que figura o operador español Ono) para facilitar que os xogadores contraten boas conexións de Internet para poder tirar proveito das posibilidades que ofrecerá a nova xeracións de consola grazas á banda larga.
Entre os vídeos amosados durante o evento de hoxe sorprendeu que deixasen ver un novo título exclusivo totalmente inesperado, Shadow of the Beast, que estará baseado no título homónimo que se estreara para Commodore Amiga en 1989 (chegando despois a moitas outras plataformas) e que someterase a un lavado de cara por parte da xente de Heavy Spectrum, que parece estar a manter a espectacularidade do xogo orixinal.


Vídeo de presentación do novo Shadow of the Beast