A PS5 pode ampliar o seu almacenamento interno grazas á súa última actualización
martes, 14 de setembro do 2021
As consolas PlayStation 5 están a recibir a súa segunda
grande actualización do seu software de sistema, que inclúen diferentes
melloras na experiencia da consola, compatibilidade co audio 3D nos
altofalantes integrados nos televisores e, moi especialmente, activar a opción
de ampliar o almacenamento da PS5 mediante unidades SSD M.2.
Entre as melloras da interface temos agora unha maior personalización do centro
de control; os xogadores poden ler e escribir mensaxes directamente dende a
Game Base do centro de control; os usuarios de PlayStation Now poderán seleccionar
a resolución (720p ou 1080p) que prefiran; cando os xogadores participen en
desafíos para conseguir un mellor tempo ou unha maior puntuación gravarase
automaticamente un vídeo da partida para logo poder compartilo; e engadiuse un
buscador de trofeos.
Pero realmente o máis importante desta actualización é a activación dunha
funcionalidade fundamental para a consola: a súa posibilidade de ampliación do
seu almacenamento interno. Agora a súa rañura M.2 pode aproveitarse para a
instalación dunha unidade de almacenamento que cumpra con certas condicións
técnicas (recoméndanse que teñan unha velocidade que parta de 5.500 MB/s e
capacidades de entre 250 GB e 4 TB), permitindo así a instalación de xogos na
mesma e non só o seu almacenamento (como acontecería con unidades externas).