A Panadaría ofrecerá un achegamento retranqueiro aos millenials na gala de Youtubeir@s

xoves, 12 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Onte déronse a coñecer máis detalles do impacto que está a ter a segunda edición do certame Youtubeir@s, dirixido a encher a rede social YouTube de vídeos referenciais en galego feitos sobre as máis variadas temáticas, pero co nexo común da creatividade e (tamén) a utilidade. Os datos foron achegados no edificio que será a sede da gala de entrega de galardóns do certame, o Teatro Colón. Na cita cos medios participou a Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, acompañada das actrices integrantes da compañía A Panadaría, Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro, que serán as encargadas de presentar a dita gala. Segundo lembraron, participarán na cita do 20 de abril 25 finalistas escollidos polo xurado entre as/os 230 participantes que concorreron nesta segunda edición.
As integrantes da compañía teatral informaron que ofrecerán “unha gala arredor da xeración millennial e os contidos que se crean en Internet, sempre dende o punto de vista do humor” e mesturándoo coa presenza da música e do protagonismo das participantes. A idea é “celebrar os contidos en galego” que están a agromar na rede a través de Youtubeir@s.
Sanmartín, pola súa banda, explicou que estes galardóns buscan promover e mostrar o uso do galego en Internet, nomeadamente nunha das redes máis influentes do momento, a rede Youtube. Tamén lembrou que o proxecto está organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove, polas universidades da Coruña, Santiago e Vigo e pola Deputación da Coruña.
Goretti Sanmartín destacou na súa intervención “a pegada social do Proxecto Youtubeir@s e o seu importante labor no fomento e espallamento do galego, así como o pulo e visibilidade que lle está a outorgar á nosa lingua”. Nesa mesma liña, Sanmartín puxo en valor a implicación da Deputación da Coruña neste proxecto ao tempo que salientou “a importante colaboración entre institucións, xa que están implicados na súa organización un total de nove concellos, as tres universidades e o propio organismo provincial”. Finalmente, a vicepresidenta detallou os datos de participación, tanto cualitativos coma cuantitativos, que amosan a consolidación do proxecto nesta segunda edición.
Os vídeos finalistas desta edición 2018 son:
Categoría de vídeo-facermos
Como escaquearse dunha comida familiar, de As Cousas do Choio.
Descargar vídeo de facebook online, de Xacobo de Toro Cacharrón.
Fart@ de tantas varices, de Chola & Lola.
Categoría de vídeo-opinarmos
• A expedición Balmis e a vitoria da vacinación, de Xacobo de Toro Cacharrón.
As 5 preguntas máis absurdas sobre a Comunidade Xorda, de A Familia Vázquez TV.
Recordos, de Tito FM.
Categoría de canle
• Nubes baixo ti.
• Teño unha horta en San Sadurniño.
• TradiGaita.
Categoría de creatividade
Mascarilla Detox Titorial, de BI Uke,
Os cazapantasmas video-facermos, de Moustache Media Producciones.
Review nostálxica: Discoteca El Bosque, de Edu Fernández.
Categoría de eficiencia comunicativa
Como distinguir as bandeiras LGBT+, de Carolina G.
O galego fermoso (e o que non o é tanto), de Aquel-e.
Videopinarmos || A adopción animal, de Tania Veiras.
Categoría de calidade técnica
Recordos, de Tito FM.
Tempo de decidir, de Nubes baixo ti.
Viaxar, de Aarón Vilariño Figueiras.
Categoría de calidade lingüística
Chaveiro de pompóns – Amigo Invisible, de IES A Cachada Boiro.
Descubrindo as palabras | Encaldabourada. de Anduriña TV.
Reivindicación oceánica, de Xosé Iglesias.
Categoría de proposta youtubeira
Como dar cartos ás agachadas, de As Cousas do Choio.
Fareleiro18 enzoufeime todiña!, de Susanasusue.
Galiza a Eurovisión, de Aquel-e.
Slime faciliño!, de Platicando en galego.
Vídeo denuncia de Bipelo Film.
Máis detalles desta segunda edición
Os galardóns artelláronse este ano, logo da primeira edición de 2017, en cinco categorías: video-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica, calidade lingüística e o premio do público. A estes cinco apartados puideron concorrer todas as persoas maiores de 14 anos a través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego subidos a Youtube de xeito independente ou nunha canle.
Na edición presente hai 5.500 euros en premios. Este repartiranse as ditas categorías, que incrementan o seu número con respecto ao ano pasado. O premio do público, chamado #propostayoutubeira, é unha das grandes novidades deste ano. Como temos sinalado dende Código Cero noutras ocasións, a través deste recoñecemento, os membros de Facebook poderán propoñer a través dun comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayotubeira.
Segundo puidemos saber, a convocatoria 2017 saldouse cunhas importantes cifras de convocatoria, con máis de 200 vídeos presentados da man de internautas de idades comprendidas entre os 17 e os 30 anos. Todas estas pezas salientaron pola súa riqueza temática, tocando temas que oscilaron entre a crítica de cine e as cuestións de actualidade, pasando por titorías con trucos e consellos no ámbito da tecnoloxía, a mecánica ou a cociña. Ademais, lográronse altos niveis de implicación por parte de diferentes asociacións e colectivos, e de persoas de idades moi diversas.

PUBLICIDADE