A Plataforma Dixital Agroforestal achega a IA e a aprendizaxe automática aos sectores agrario e forestal

xoves, 23 de novembro do 2023 S. P.

A Xunta anunciou unha importante novidade para o sector forestal: a posta a disposición dos profesionais, e tamén da Administración, de tecnoloxías avanzadas (Intelixencia Artificial e aprendizaxe automática, entre outras) para facilitar e axilizar xestións e consultas de toda índole. Isto será posíbel grazas á Plataforma Dixital Agroforestal de Galicia. En concreto, dende este servizo, agricultores, gandeiros e silvicultores poden cumprir as súas obrigas coa Administración, xestionar axudas, programar, realizar o seguimento das súas explotacións ou acceder a todo tipo de información de utilidade, entre outras funcionalidades.
O Consello da Xunta autorizou a contratación da Plataforma Dixital Agroforestal de Galicia o pasado mes de setembro, como continuación das iniciativas Proxecto Primar e Agro 4.0, que desde 2016 sentaron as bases para a transformación dixital destes sectores. Trátase dunha iniciativa na que traballan conxuntamente a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
A contratación ten un valor estimado de 8,4 millóns de euros, que son cofinanciados polo programa FEDER Galicia 2023-2027.
Procedencia dos datos e integración
Permitirá ofrecer unha solución que integra a xestión de explotacións agrarias (XEAGA) e unha evolución do Observatorio de Parcelas (OPA); así como datos procedentes de Sistemas de Información Cartográficos (SIC); fotos de satélite; sistemas de xestión (como a Oficina Virtual Agraria, a Sede Electrónica da Xunta, xestión de biomasa, instrumentos de mobilidade de terras...); ou sistemas internos de xestión, como rexistro de exportacións, xestión de movementos gandeiros, rexistros forestais, xestión de axudas...
A plataforma deseñarase tamén para recibir información externa, como a dos sistemas nacionais de información de explotacións agrarias, aplicacións móbiles ou sistemas de xestión de terceiros (empresas) , entre outros exemplos.
O sistema expón tamén o intercambio de información coa Plataforma Territorio Intelixente de Galicia e o proxecto iCousas (da internet das Cousas - IoT), que está en fase de implantación e que permitirá a instalación en toda Galicia de ata 300.000 sensores que proporcionarán información a tempo real de todo tipo.
Tecnoloxías innovadoras
Estes datos poderán ser procesados con tecnoloxías innovadoras, como a aprendizaxe automática, a automatización ou o IoT (Internet das Cousas). Por exemplo, a aprendizaxe automática xa está a ser usada para que, a partir de fotos de satélite, o sistema “aprenda” a identificar cultivos de viñedos (é dicir, que “saiba” se o que hai plantado son viñas e non kiwis, por citar un caso). Desta maneira, os técnicos encargados de manter actualizado o rexistro de viñedos dispoñen dunha ferramenta que lles pode axudar no seu traballo e evitar moitos desprazamentos.
Aplicacións prácticas
Grazas a esta forma de obter e procesar os datos, os profesionais dos sectores agrario e forestal poden, desde unha aplicación de escritorio, e en moitos casos tamén desde o teléfono móbil, acceder a todo tipo de utilidades. Permite, por exemplo, manter un rexistro da súa actividade que inclúe a planificación de accións como a sementa ou os diferentes tratamentos para os cultivos. Poden tamén xestionar os diferentes elementos das explotacións, como a maquinaria, instalacións, puntos de auga, operarios...
Amais, poderranse manter actualizados os cadernos de explotación electrónicos, en relación coas obrigas derivadas da Política Agraria Común. Facilitará a xestión de axudas e os trámites administrativos en xeral. E incluirá o acceso a visores e á declaración gráfica de cultivo para realizar seguimentos, anotacións, medicións...
Aberta ao futuro
Unha das principais vantaxes da Plataforma será a súa escalabilidade. É dicir, está preparada para acoller novas funcionalidades no futuro. Entre elas, xa están previstas algunhas como a adaptación para ámbitos funcionais específicos (vitícola, gandeiro, forestal...), o desenvolvemento dunha API pública (ao servizo de desenvolvedores), a integración con novos sistemas de rexistro ou tramitacións sectoriais, ou a evolución do módulo do sistema de información xeográfica e visor asociado. Está aberto tamén a técnicas de simulación (como a que se poida facer en xemelgos dixitais) e á evolución doutras tecnoloxías innovadoras.
Para facilitar o uso das ferramentas, a Xunta está a realizar presentacións ou seminarios, e tamén accións formativas presenciais. As persoas usuarias tamén dispoñerán de manuais e información de uso na web.

PUBLICIDADE