A Plataforma Tecnolóxica da Pesca estrea unha áxil ferramenta de datos sobre capturas e facturación

mércores, 28 de febreiro do 2024 Redacción

A plataforma Pescadegalicia.gal estrea hoxe unha evolución sen precedentes na súa páxina web dende a que ofrece a información estatística sobre a actividade das lonxas da comunidade autónoma. Unha labor que iniciou hai máis de dúas décadas xa cando, en 2003, saía á luz o primeiro Anuario da Pesca de Galicia, un documento de 146 páxinas que detallaba os datos da primeira venda de produtos do mar frescos, poñendo ao servicio do sector marítimo-pesqueiro galego todo o potencial da Plataforma Tecnolóxica da Pesca.
A Plataforma Tecnolóxica da Pesca estrea unha áxil ferramenta que introduce novas posibilidades de explotación dos datos das capturas e facturación rexistrados nas 65 rulas galegas aberta aos profesionais do mar e tamén ao público en xeral, e que permite realizar buscas específicas, organizar a información e presentala da forma máis atractiva e visual posible.
O obxectivo desta mellora tecnolóxica é ofrecer os datos máis completos co fin de contribuír a unha xestión máis eficaz dos recursos pesqueiros, permitindo a súa consulta case en tempo real desde calquera lugar do mundo, no que supón, ademais, un claro exercicio de transparencia. O obxectivo e que Galicia, a primeira potencia pesqueira europea, retome o signo positivo no conxunto da súa cadea mar-industria, da actividade extractiva á primeira venda nas lonxas, a posterior transformación e a distribución.
O anuario de 2023 reflicte que o ano pasado foi un exercicio repleto de desafíos, tal e como sinala no seu prólogo Alfonso Villares, conselleiro do Mar en funcións, que sinala que “algunhas chegaron polas restritivas regras de xogo marcadas desde a Comisión Europea, tanto polos recortes a importantes especies para a frota galega, caso do xurelo, como polo duro golpe que supuxo para a actividade, e en especial para o palangre, o veto comunitario decretado ás artes de fondo no Atlántico Noroeste”. Tamén continuaron lastrando a actividade a continuidade na guerra de Ucraína e as crecentes tensións xeopolíticas mundiais.
Tamén apunta ás e dificultades que “viñeron marcadas polo impacto do cambio climático e as inclemencias meteorolóxicas, que golpearon os bancos marisqueiros das rías galegas o pasado outono e provocaron, pola alta temperatura da auga e a baixada da súa salinidade, unha altísima mortaldade nos bivalvos”.

PUBLICIDADE