A PlayStation 4 estreará modelo de 1 TB en xullo

luns, 22 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Antes da celebración do E3 Microsoft anunciou unha versión da súa Xbox One con 1 TB de almacenamento interno, e Sony non podía ser menos, de xeito que hoxe fixo oficial que o vindeiro 15 de xullo vai pór á venda a PS4 Ultimate Player Edition 1TB, que permitirá almacenar na consola o dobre de contido que as consolas actuais, o que resulta especialmente de agradecer en vista dos tamaños que están a ocupar os últimos videoxogos e os elevados tempos de instalación que teñen, de xeito que minimízase así o feito de ter que borrar xogos instalados para poder gozar de títulos novos.
Aínda que Sony non confirmou o prezo deste novo modelo, agárdase que sexa de 399 euros, o que levaría a que os modelos actuais reducisen o seu prezo oficial lixeiramente, aínda que a longo prazo parece que compensará o novo modelo, xa que, aparte dun disco de maior capacidade, coméntase que pesará un 10% menos e reduciría un 8% o seu consumo enerxético. A superficie da baía para o disco duro tamén viría nun acabado mate, dándolle á consola unha aparencia máis ocasional. O novo modelo contará con versións en negro e branco, aínda que esta última podería ter unha distribución internacional máis limitada inicialmente.

PUBLICIDADE