A PlayStation 4 supera os 18,5 millóns de unidades

mércores, 7 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Tras dar por rematada a campaña de Nadal, dende Sony fan contas para constatar que a consola de nova xeración con máis unidades no mercado e a súa PlayStation 4, que tras vender nestas datas máis de 4,1 millóns de unidades en todo o mundo chegaría aos 18,5 millóns de consolas. Se miramos á competencia temos que as estimacións sitúan á Xbox One no contorno dos 11 millóns de consolas, grazas en boa medida a que nos últimos dous meses disparáronse as vendas nos EE.UU. (onde actualmente é a consola con mellores vendas grazas a unha agresiva política de prezos) mentres que a Wii U, pese a levar moito máis no mercado, aínda non chegou aos 9 millóns de unidades.
Volvendo ás consolas de Sony, a compañía xaponesa asegura que actualmente están preto dos 10,9 millóns de subscritores de PlayStation Plus (servizo que agora é imprescindible para poder xogar en liña coa PS4) e tamén destacan que xa venderon máis de 81,8 millóns de xogos para PS4, dos que 17,8 millóns de uniades corresponderon ao período de Nadal.
Dende Sony confían en que a súa consola continúe a medrar a bo ritmo grazas ao seu catálogo de xogos, que recibirá de xeito exclusivo ou anticipado títulos como Street Fighter V, Batman: Arkham Knight, Bloodborne, The Order: 1886, The Tomorrow Children, Uncharted 4: A Thief’s End, The Vanishing of Ethan Carter, The Witness e No Man’s Sky.

PUBLICIDADE