A PlayStation 4 supera os 5,3 millóns de consolas vendidas

martes, 18 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

As consolas de nova xeración iniciaron este Nadal unha guerra que polo momento parece ter unha clara vencedora, pois aínda que se esperaba que a máquina de Microsoft non dominase globalmente, era de agardar que a súa recepción nos EE.UU. fose tan boa como a da súa predecesora, pero as cifras de vendas non din iso, e no mes de xaneiro a PS4 vendeu case o dobre que a Xbox One. Para salientar esta situación, Sony quixo inchar o peito e publica hoxe unha nota de prensa na que confirma que veñen de superar a barreira dos 5,3 millóns de unidades vendidas a nivel mundial da súa PlayStation 4.
A compañía xaponesa está especialmente orgullosa por ter logrado superar a Microsoft no seu territorio, aínda que posiblemente sexa demasiado cedo por dar a batalla por gañada, xa que aínda non se xogou a principal baza que garda a compañía de Redmond, como é o lanzamento de Titanfall, grande xogo de acción en primeira persoa que chegará o 13 de marzo a Xbox 360 e PC e o 28 de marzo a Xbox 360, deixando fóra ás consolas de Sony. Este título pretende desbancar á saga de Call of Duty (de feito, é obra de parte do equipo que desenvolveu tal saga) e, en vista da boa recepción da súa beta a pasada fin de semana, sentará os alicerces dunha grande franquía que podería tardar un par de anos en chegar ás consolas nipoas (coméntase que un futuro Titanfall 2 si tería versión para PS4).

PUBLICIDADE