A PlayStation 5 prepárase para desligarse da anterior xeración de consolas

venres, 10 de setembro do 2021 Marcus Fernández

A nova xeración de consolas de Sony está a vivir uns comezos complicados, cun importante desabastecemento de consolas e unha ausencia case total de grandes xogos exclusivos, facendo que incluso vaian ter que encarar unha campaña de Nadal sen grandes reclamos, de aí que optasen por realizar un PlayStation Showcase, presentación para pór a vista no futuro, para que os usuarios entendan que este período interxenaracional está a chegar á súa fin, e que pronto a PlayStation 5 poderá ofrecer experiencias que paguen a pena.
Na presentación permitiron botar unha ollada ao que será God of War Ragnarok (que tamén estará dispoñible para PlayStation 4); anunciaron que Gran Turimo 7 chegará a PS4 e PS5 o 4 de marzo; deixaron caer que en 2022 porán á venda a colección de xogos de Uncharted nunha versión remasterizada para PlayStation 5 e PC; tamén Grand Theft Auto V e GTA Online contarán con versións para PS5 en marzo de 2022; sorprenden anunciando que están a preparar un remake dende cero do clásico Star Wars: Knights of the Old Republic, que no seu lanzamento será exclusivo de PS5; e, como pratos fortes, anunciaron que Insomniac Games estaba a desenvolver dous novos xogos para PlayStation 5 de franquías da Marvel: Spider-Man 2, no que Peter Parker e Miles Morales unirán forzas para enfrontarse ao simbionte Venom, e Wolverine, que porá en valor ao popular membro dos X-Men. O lanzamento de Spider-Man 2 está previsto para 2023, mentres que Marvel’s Wolverine aínda está nas súas primeiras fases de desenvolvemento, polo que haberá que agardar para saber máis do prometedor título.

Vídeo no que resumen o presentado no PlayStation Showcase

PUBLICIDADE