A PlayStation 5 supera os 7,8 millóns de unidades vendidas

mércores, 28 de abril do 2021 Marcus Fernández

A presentación das contas trimestrais de Sony, coas que pecha o ano fiscal, desvelan que as vendas da PlayStation 5 chegaron aos 7,8 millóns de unidades, correspondendo 4,5 millóns ao último trimestre de 2020 e 3,3 millóns ao primeiro trimestre de 2021, cantidade que pode resultar impresionante se temos en conta que a consola é practicamente imposible de atopar nas tendas por falta de existencias, situación que non parece que vaia solucionarse en bastantes meses.
Os datos de Sony tamén desvelan que no último trimestre fiscal vendéronse 338,9 millóns de xogos para consolas PlayStation, dos que 58,4 millóns corresponderían a títulos de estudios propios de Sony. Aínda que o máis interesante destas vendas é que o 65% dos xogos vendidos estarían en soporte dixital, porcentaxe que subiría até o 79% se miramos só datos do último trimestre. Tamén resulta moi revelador que no último trimestre fiscal os xogos supuxeran uns ingresos de 1.592.586 millóns de iens, dos que só 137.932 corresponderían a vendas en formato físico, mentres que as copias en dixital sumasen 542.843 millóns de iens e 911.810 correspondesen a contidos descargables.
Sobre o contorno dixital tamén desvelan que no último trimestre PlayStation Plus chegou aos 47,6 millóns de subscritores, cando hai un par de anos esta cantidade era de 36,4 millóns, constatando o pulo que toman os servizos dixitais no negocio dos videoxogos.

PUBLICIDADE