A PlayStation 5 terá casco de realidade virtual, pero non este ano

martes, 23 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

JPEG - 33 KB
Imaxe do casco de realidade virtual de PS4

Sony lanzou hai máis de 4 anos o casco de realidade virtual para a PlayStation 4 e ante o lanzamento da PlayStation 5 deixaron claro que o produto sería retrocompatible, ou sexa, que nas novas consolas seguen a funcionar o casco e os seus xogos e, nalgúns casos, incluso reciben melloras, pero resulta evidente que PlayStation VR é unha tecnoloxía que quedou moi atrás tecnicamente, e para tranquilizar aos afeccionados á realidade virtual anuncian que están a traballar nun novo dispositivo de realidade virtual para PS5, que suporá unha importante mellora en rendemento e interactividade, á vez que tamén aproveitará especialmente os auriculares para conseguir experiencias máis inmersivas.
O vindeiro casco de realidade virtual para PS5 precisará dun único cable para conectase á consola, o que simplifica a instalación, incorporará algunhas características das que atopamos no mando sen fíos DualSense e terá moi presente a ergonomía, aínda que tamén deixan claro que este novo produto, do que aínda non hai imaxes, non chegará ao mercado en 2021, polo que simplemente avisan para que os novos compradoras dunha PS5 saiban que poderán contar con hardware de VR á altura da nova consola.

PUBLICIDADE