A PlayStation Network podería continuar fóra de servizo ata finais de mes

luns, 9 de maio do 2011 Marcus Fernández

Howard Stringer desculpouse polos fallos na PlayStation Network a través dunha carta dirixida aos usuarios do servizo

Nos últimos días o presidente e director xeral de Sony Entertainment, Howar Stringer, publicou unha carta aos usuarios da PlayStation Network pedindo perdón polos problemas ocasionados ante o peche do sistema por mor unha intrusión que puido supor un importante roubo de datos persoais, insistindo en que aínda non teñen evidencias de que se fixera algún uso fraudulento da información subtraída. Tamén insistiu no feito de que continúan a investigar o acontecido e que buscarán compensar aos usuarios polos días sen servizo, o que nun principio parecía limitarse en agasallos e períodos de subscrición de balde, pero que agora sabemos que irá máis aló, como a contratación de balde por un ano dun servizo de protección contra o roubo de identidade (que inclúe un seguro por valor de 1 millóns de euros por usuario) que concretarase nos EE.UU., aínda en Europa aseguran que están a avaliar algunha medida semellante que confirmarán en breve.
Pero, aínda que o pasado día 1 comprometéranse a reactivar a PlayStation Network durante a semana pasada, iso non chegou a acontecer, e sen facer unha comunicación a través das canles oficiais da compañía, coñecemos indirectamente que Sony non quere fixar a data de relanzamento da súa plataforma de xogo en liña, e a única estimación que temos parte dunhas declaracións dun voceiro da compañía, Shigenori Yoshida, quen comentou a Bloomberg que agardan que o servizo volva a estar completamente operativo o 31 de maio.
Non só non están a cumprir os prazos anunciados, senón que volven a operar sen transparencia (lembremos que tardaron case dunha semana en anunciar publicamente que os datos dos seus usuarios foran comprometidos) e incluso aparecen agora voces de expertos en seguridade informática que aseguran que a PlayStation Network estaba a facer uso de versións moi antigas de Apache, sen as pertinentes actualizacións de seguridade e sen empregar devasas, polo que esta plataforma era moi vulnerable a ataques, do que recibiran informes en Sony 2 ou 3 meses antes destes último incidente, o que indicaría unha clara neglixencia por parte da compañía nipona, de aí que non deba sorprender que a valoración de Sony no mercado bolsista caese un 3,7% o pasado venres, ante o temor a que caian as vendas do hardware de Sony por mor da falta de confianza na compañía.

PUBLICIDADE