A PlayStation TV chega a España

venres, 14 de novembro do 2014 Marcus Fernández

A familia PlayStation medra hoxe en Europa, xa que desembarca no noso territorio a curiosa PlayStation TV, que é un dispositivo de pequeno tamaño que podemos conectar directamente a un televisor de alta definición para poder gozar a centos de xogos compatibles de PS Vita, PSP e da primeira PlayStation, e tamén de xogos da liña PlayStation Minis. O trebello ten un prezo de venda recomendado de 99,99 euros, incluíndo un vale de descarga dixital para 3 xogos: OlliOlli, Worms Revolution Extreme e Velocity Ultra.
Para poder xogar coa PlayStation TV precisaremos dun mando de PS3 ou PS4, e non só poderemos gozar de xogos compatibles para esta consola, senón que tamén servirá para controlar remotamente xogos de PS4, o que permite que, se alguén ocupa o televisor do salón no que teñamos a consola conectada, poidamos continuar a partida noutro televisor da casa.
O concepto da PlayStation TV é bastante orixinal, xa que vén a ser como desprender unha PS Vita da súa pantalla e conectala directamente a un televisor, o que non só permite gozar dos seus xogos en pantalla grande, senón que tamén abre o acceso aos moitos contidos audiovisuais da plataforma en liña de PlayStation (o que para algúns usuarios tamén pode ser un bo incentivo para facerse con este trebello que é algo máis que unha consola de baixo custo).

PUBLICIDADE