A Pobra acolle unha actividade formativa sobre como sacar proveito das redes sociais no noso negocio

xoves, 4 de xaneiro do 2024 S. P.

Como tirar o máximo proveito da nosa presencia nas redes sociais e reducir o impacto medioambiental da actividade diaria empresarial. Estas son as dúas premisas da acción formativa de balde dirixida a pequenas e medianas empresas (pemes), persoas autónomas e emprendedoras que organiza A Maruxiña. Comunicación & Marketing e Anacos Sostenibilidad coa colaboración da Concellaría da Mocidade da Pobra do Caramiñal.
Este Hub As Emprendedoriñas terá lugar no 13 de xaneiro, ás 17.30 horas, na Casa da Mocidade da Pobra. Estrutúrase en emprendemento, sostibilidade, mercadotecnia e traballo en rede (networking). O concelleiro da Mocidade, Eloy Sobrido, explicou que se trata dunha das primeiras accións cara a dinamizar o espazo municipal no presente ano, desta volta, mediante a capacitación dixital de negocios, se ben avanzou que a Administración local está analizando a viabilidade de implantar varios cursos en diferentes ámbitos nos vindeiros meses.
A actividade centrarase na creación dun feed visual para a rede social Instagram co obxectivo de maximizar as ventas das empresas mediante esta canle, ademais de posibilitar o establecemento de sinerxías entre o público asistente.