A Pobra activa en abril un itinerario formativo centrado nas competencias dixitais

luns, 11 de marzo do 2024 S. P.

O Concello da Pobra, a través da Concellería de Mocidade que dirixe Eloy Sobrido, vai activar en abril un itinerario formativo de competencias dixitais con dúas accións tecnolóxicas programadas. “Contamos cun equipamento innovador como por exemplo as impresoras 3D, cuxas posibilidades queremos achegar á cidadanía mediante novas propostas que redunden nunha maior capacitación dixital", precisou Sobrido.
En palabras do edil, esta medida busca “seguir traballando no impulso da Casa da Mocidade para que, pouco a pouco, acabe por converterse nun espazo de encontro para a xente máis nova da nosa localidade, ben sexa a través de actividades de lecer ou doutras de natureza formativa”.
O obradoiro de deseño e impresión 3D, cunha duración total de 8 horas, impartirase nos martes, no horario da mañá (de 10.30 a 12.30 horas) ou da tarde (17.30 a 19.30 horas) en función da opción con maior demanda. Está dirixido a tódalas idades.
Tamén se ofrece un curso de competencias dixitais básicas, de 30 horas. Desenvolverase ós luns, de 19.00 a 20.30 horas, e ós sábados, dende as 11.00 ata as 12.30 horas. Oriéntase a persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos.
Ámbalas accións son de balde. As prazas son limitadas, polo cal se require a inscrición previa obrigatoria a través do enderezo electrónico mocidade@apobra.gal ou do teléfono de contacto 981843281.