A Pobra do Caramiñal achega en novembro formación en robótica, deseño e impresión 3D
xoves, 24 de outubro do 2024
O Concello da Pobra do Caramiñal prosegue este mes de novembro coa súa formación en competencias dixitais para a cidadanía. O vindeiro mes impartiranse un obradoiro de robótica e outro de deseño e impresión 3D. Con relación a estas dúas actividades, o concelleiro da Mocidade, Eloy Sobrido, explicou que "decidimos dar continuidade a esta serie de accións para seguir capacitando a veciñanza no uso das novas tecnoloxías”.
Así, dende o seu departamento optouse por “redimensionar a oferta respecto da que tivemos no mes de abril, por iso traemos agora a robótica”. Engadiu que “pretendemos así tamén dinamizar a Casa da Mocidade, que teña accións de natureza formativa, e para iso contamos cun moi bo equipamento como, por exemplo, as impresoras 3D; pero tamén queremos que esta instalación municipal se erixa como punto de encontro da xente nova, especialmente nesta tempada”.
Ámbolos dous obradoiros son de balde e desenvolveranse nos martes 5, 12, 19 e 26, na Casa da Mocidade. Robótica será das 16.00 ás 18.00 horas e versará sobre a programación de videoxogos en Scratch; electrónica e programación de compoñentes en S4A; e manexo e programación dun robot.
Doutra banda, Deseño e Impresión 3D será dende as 18.00 ata as 20.00 horas, tramo no cal farase unha introdución á impresión 3D, deseños en Tinkercad, instalación e uso do laminador Cura e impresión de pezas. Para a asistencia, requírese a inscrición previa obrigatoria a través do enderezo electrónico mocidade@apobra.gal ou do teléfono de contacto 981843281.