A Pobra do Caramiñal esgota as prazas dispoñibles no seu primeiro curso de Intelixencia Artificial
xoves, 24 de xullo do 2025
O Concello da Pobra do Caramiñal concluíu na mañá deste xoves 24 de xullo a primeira semana de formación do Curso de Intelixencia Artificial organizado desde a Concellería de Mocidade. O programa formativo, que se retomará o 28 de xullo, cubriu todas as prazas dispoñibles.
Nas primeiras leccións fíxose unha introdución á Intelixencia Artificial e abordáronse, ademais, as ferramentas de IA baseadas en texto e o uso de aplicacións sinxelas de tradución e corrección de textos. Nas seguintes, o alumnado aprenderá a usar programas de asistencia informática e programación na ofimática e, ademais, coñecerá os aspectos sociais e éticos da IA.
O doutor en Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Barral Lijó, está impartindo a formación. Barral Lijó conta cunha ampla traxectoria docente en España e noutros países como Xapón.
As sesións da vindeira semana desenvolveranse entre o luns, 28 de xullo, e o xoves, día 31, de 11.00 a 13.00 horas, na aula de informática da Casa da Mocidade.
