A Policía Local de Boiro actualiza a súa formación tecnolóxica

xoves, 25 de setembro do 2025 S. P.

Os axentes da Policía Local de Boiro participaron esta semana nunha serie de actividades formativas co obxectivo de actualizar e a ampliar os seus coñecementos de cara ao bo desenvolvemento das súas funcións. O equipo de axentes participou en formación no sistema de xestión policial APPOLO, prácticas regulamentarias de tiro e formación para a investigación de graffitis.
A primeira das actividades formativas tivo como finalidade formar aos axentes no software de xestión policial APPOLO, unha ferramenta que vai permitir aos axentes dixitalizar e automatizar os procesos, facer o control de tráfico e denuncias de forma dixitalizada.
A utilización desta ferramenta irá acompañada da aplicación e posta en marcha de cámaras e utilización de tabletas para poder facer toda a xestión policial dende a vía publica.
Os axentes desenvolveron tamén nesta semana as prácticas regulamentarias de tiro, que teñen como obxectivo reforzar as habilidades técnicas e mellorar a precisión dos axentes no caso de que precisen actuar ante algunha emerxencia.
Nestes días participaron tamén nun obradoiro formativo en investigacións de graffitis no que aprenderon técnicas que lles vai permitir aos axentes clarificar pintadas que poidan aparecer na vía pública.