A Policía Local de Teo estrea tecnoloxía de vangarda para a xestión das sancións

xoves, 15 de marzo do 2012 Raquel Noya

Os veciños e veciñas do Concello coruñés de Teo, poden presumir estes días de contar cunha das Policías Locais máis tecnoloxicamente avanzadas da súa contorna, que lle permite aos axentes membros xestionar en tempo real as sancións de tráfico que impoñan, e eliminar o papel dos tradicionais boletíns, axilizando todo o proceso.
E é que estas forzas da lei veñen de estrear un peculiar sistema informático para a instrución e xestión das sancións de tráfico, que lles permite levar a cabo todo o proceso administrativo dende un teléfono móbil tipo smartphone, que vai conectado a unha impresora portátil dende a que obter os documentos necesarios.
Deste xeito, o sistema envía de inmediato a información do expediente á Deputación, administración na que o Concello ten delegadas as competencias en sancións de tráfico, evitando que teñan que pasar estes comunicados á man e reducindo a marxe de erro.
Nos seus terminais móbiles, que polo de agora só constan de dúas unidades, os axentes dispoñen dos datos de todos os vehículos que hai en circulación -posto que están conectados á base de datos da Dirección Xeral de Tráfico (DXT)- e desta maneira, aforran diversas comprobacións que tiñan que facer de xeito habitual, o que facilita a xestión da denuncia mesmo cando o condutor non estea presente.
Segundo informan dende a entidade pública, ademais da maior rapidez na xestión e a redución de traballo administrativo para a Policía Local, o feito de que os datos da denuncia se envorquen directamente na aplicación informática “supón reforzar a seguridade da tramitación e engade unha nova garantía de transparencia”.
A Policía Local tamén destaca que co novo procedemento dixital, o prazo para beneficiarse da bonificación legal do 50% na sanción (lembremos que este período é de 20 días) comeza a contar desde que se lle notifica a denuncia ao infractor, independentemente de se a asina ou non, co que se reducirá o tempo que a persoa sancionada tiña para aboar a multa.
A cara amable para a cidadanía sancionada, por outra banda, é que poden pagar directamente no banco mediante un código electrónico que figura no impreso da denuncia.
O dispositivo enmárcase no proxecto Diplus, promovido pola Deputación da Coruña en diversos municipios da provincia.

PUBLICIDADE