A Policía de Santiago poderá reconstruír sinistros en 3D
xoves, 8 de xullo do 2021
A
Policía
local de Santiago conta cunha nova ferramenta para a investigación
de sinistros viarios, permitindo a investigación e reconstrución de
accidentes. Trátase dun programa informático de simulación
dinámica que se vén de poñer a disposición da axentes da Sección
de Atestados grazas á colaboración entre departamentos municipais
(Persoal, Informática e a Policía Local).
A
ferramenta, segundo informou o Concello, “axúdase das principais
leis da física para efectuar precisos modelos de cálculo, entre
eles un modelo de colisión de impulso-movemento, un modelo de
impacto baseado nos coeficientes de rixidez, un modelo cinético de
simulación de traxectorias e un modelo cinemático para estudos de
tempo-distancia”.
Por
outra banda, permitirá realizar, de xeito automático, cálculos da
colisión en 2D e 3D. Farao tendo en conta o grao de enerxía
absorbida nas deformacións dos vehículos e “outros factores
reais” cuxo cómputo era moi complexo de abordar por razóns de
recursos despregados e tempo. O Concello engadiu que “a animación
tridimensional achegará unha didáctica moi necesaria para a
interpretación e reprodución dos feitos, proporcionando máis
información que calquera outro medio ao permitir analizar os
detalles dunha escena complexa visualmente”.
O
programa permitirá, tanto a realización de esbozo en 2D e 3D,
incluíndo, nos 3D, animacións dinámicas. Ao mesmo tempo, fará
posible a medición de distancias por medio de fotografías e a
avaliación de deformacións en carrocerías de vehículos para
calcular velocidades relativas ou posicións finais. Outra
funcionalidade que pon en xogo son as simulacións en 3D que mostran
as diferentes perspectivas de testemuñas, vítimas ou condutores.
