A Pontenova dá a coñecer os seus atractivos naturais, históricos e culturais cunha nova web

venres, 3 de xullo do 2020 S. P.

O Concello de A Pontenova vén de publicar un novo portal web para mostrar de maneira máis integral, eficaz e universal os seus atractivos turísticos. Trátase de www.turismoapontenova.es, unha páxina coa que se queren achegar aos visitantes e viaxeiros todas as propostas que ofrece o municipio, con contidos en galego, español e inglés. Este proxecto conta cun orzamento de preto de 22.000 euros do Plan Único da Deputación de Lugo.
Tal e como comenta o alcalde, Darío Campos, co lanzamento desta web “queremos visualizar na Rede a nosa localidade como un destino turístico cultural”, poñendo o foco no seu rico pasado mineiro (A Pontenova foi durante moitos anos o maior complexo mineiro industrial da provincia de Lugo), na súa longa tradición pesqueira ligada ao río Eo (que culmina na Festa da Troita, declarada de Interese Turístico) e na súa extensa oferta de lecer e deportes (a través de actividades como a pesca de salmónidos, o cicloturismo pola Vía Verde do Eo, o sendeirismo percorrendo calquera das variadas rutas do termo municipal, etc...).
Para “proporcionar unha información de calidade e adaptada as súas preferencias persoais”, o visitante ten a posibilidade de contactar a través desta web coa Oficina de Información Turística da Pontenova, dende onde poderá realizar unha proposta totalmente personalizada para “así aproveitar e gozar ao máximo da súa estadía nesta zona”.
A páxina é o resultado dun traballo en conxunto levado a cabo por Verónica Ramallal, Pekecha (que se encargou do desenvolvemento e maquetado da web), Eva Veiga (encargada do deseño gráfico) e Carlos Pardo, responsábel da OIT da Pontenova (que se encargou dos textos, mapas e descargaeis). No proxecto tamén colaboraron Rosa Christie e Neil (encargados da tradución dos textos ó inglés). En breve poñeranse en marcha os perfís oficiais de Facebook e Instagram.

PUBLICIDADE