A Proa acolle en setembro un encontro de emprendemento feminino e un obradoiro de vendas

venres, 6 de setembro do 2024 S. P.

Entre o 16 e o 22 de setembro, os diferentes espazos de traballo que integran a Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña, acollerán o evento Rede Coworking Fest, unha semana dedicada a promover a innovación, a colaboración e a cultura emprendedora a través dunha ampla variedade de actividades culturais e formativas. No espazo colaborativo A Proa (O Milladoiro, Ames) vanse organizar dúas actividades: un encontro de emprendemento feminino o mércores 18 de setembro; e un obradoiro de mentalidade e vendas o 19 de setembro. A programación completa está visíbel na Rede de Coworking.
A concelleira de Promoción Económica e Innovación, Ana Belén Paz, destacou que “a través do evento Rede Coworking trátase de promover a creación de sinerxías entre emprendedores, freelancers e pequenas empresas”. Tamén ten o obxectivo de “dar a coñecer a importancia dos espazos de traballo colaborativo como impulsores da economía local e facilitar oportunidades de networking e formación, achegando coñecementos prácticos e experiencias compartidas”, dixo.
Encontro de emprendemento feminino
O mércores, 18 de setembro, de 12:30 a 14:00 horas, o espazo colaborativo A Poa acollerá un programa de encontros entre mulleres co obxectivo de visibilizar o impacto do emprendemento feminino e fomentar a colaboración entre mulleres emprendedoras. A través deste encontro tamén se pretende recoñecer e fortalecer habilidades a través de dinámicas de grupo, facilitar a creación dunha comunidade de apoio e inspirar e motivar a novas emprendedoras. Este mesmo encontro vaise organizar o luns 16 de setembro no Coworking da Pobra na Pobra do Caramiñal.
Obradoiro de mentalidade e vendas
Por outra banda, o xoves 19 de setembro, de 10:30 a 12:30 horas, vaise impartir tamén no espazo colaborativo A Proa o obradoiro de mentalidade e vendas. A través desta actividade os coworkers mergullaranse no mundo das vendas, identificando os desafíos que obstaculizan o seu camiño cara ás vendas. Tamén coñecerán a estrutura dunha chamada de vendas así como as obxeccións ou escusas máis comúns dos seus clientes.
Os obxectivos deste obradoiro son recoñecer e abordar bloqueos mentais e emocionais que obstaculizan o seu éxito nas súas vendas; coñecer a estrutura de vendas: recibirán pautas breves sobre como iniciar, desenvolver e pechar unha chamada de vendas con éxito, maximizando así as oportunidades de conversión nun tempo limitado; e abordar obxeccións comúns: recibirán consellos rápidos sobre como responder de maneira eficaz ás preocupacións e dúbidas dos clientes, transformando as obxeccións en oportunidades de peche de vendas.