A Proa acolle o 27 de xuño un obradoiro sobre redes sociais aberto á veciñanza

mércores, 18 de xuño do 2025 S. P.

O vindeiro venres 27 de xuño, o Espazo de Coworking A Proa, localizado no Milladoiro (Ames), acollerá un obradoiro sobre redes sociais impartido por Carolina Buján, no que poderá participar calquera veciña e veciño de Ames que estea interesado en asistir. O obradoiro impartirase en horario de mañá, de 12.00 a 14.00 horas.
Achegaranse contidos básicos sobre como usar e manexar as redes no ámbito empresarial: ferramentas útiles para axudar coa xestión de redes, tipo de contido que publicar ou como organizar e planificar a comunicación do noso negocio.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou que “é unha oportunidade para que participen todas as empresas de Ames que estean interesadas en mellorar a súa estratexia de comunicación, sobre todo porque a día de hoxe, as redes sociais son unha ferramenta moi útil para dar a coñecer os produtos e servizos que ofertan as propias empresas”.
Este obradoiro celebrarase en horario de mañá, de 12.00 a 14.00 horas, e é aberto a toda a veciñanza, polo que poderá asistir calquera persoa que estea interesada en participar e informarse sobre este ámbito.
Como dixemos, a actividade será impartida por Carolina Buján, experta dende hai máis de 5 anos no ámbito da comunicación e mercadotecnia dixital e coworker en A Proa co proxecto A Masa Comunicación Artesanal, unha axencia especializada en servizos dixitais que ofrece proximidade e un enfoque adaptado e personalizado a cada proxecto. Deste xeito, axudan a utilizar dunha forma óptima as ferramentas dixitais dentro de cada negocio.