A Proa acolle un obradoiro de Wordpress e o un encontro de networking de profesionais TIC

mércores, 23 de novembro do 2022 S. P.

O espazo de coworking A Proa, emprazado no Polígono de Novo Milladoiro (Ames), organiza este outono dúas novas actividades dirixidas a persoas emprendedoras e autónomas. O primeiro dos obradoiros, Wordpress en acción, celebrarase este xoves, 24 de novembro, e nel ensinaranse conceptos básicos sobre a creacións de páxinas web. O xoves 1 de decembro desenvolverase un encontro de networking no que se reunirán profesionais do mundo dixital e tecnolóxico. Estes novos obradoiros chegan despois dos talleres de lingua portuguesa e de iniciación no mundo empresarial que se celebraron o pasado mes de outubro.
Taller práctico sobre Wordpress
Este xoves, 24 de novembro, ofrecerase a actividade Wordpress en acción, un taller práctico para emprendedores no que os participantes poderán aprender a configurar unha páxina web básica. Será ás 12:00 horas no espazo do coworking, e estará impartido pola deseñadora web Luján Kubrusli.
Entre todos os asistentes sortearase unha web, e o gañador poderá desfrutar de maneira gratuíta da configuración e do deseño dos que se fará mostra no taller. A entrada á actividade é gratuíta, aínda que as prazas son limitadas e é necesario inscribirse premendo na ligazón especifica habilitada.
I Encontro Dixital 2022
Por outra banda, o 1 de decembro celebrarase o I Encontro dixital 2022, unha actividade dirixida a profesionais do mundo dixital e tecnolóxico que servirá para que deseñadores, marketers dixitais, editores e programadores se unan para compartir coñecemento e experiencia sobre o sector, e tamén para coñecer a outros profesionais da zona. Celebrarase ás 18:00 horas, tamén no espazo de traballo colaborativo e innovador de Milladoiro, e estará organizado por Luján Kubrusli e Isabel Viñas, deseñadora web en Impulsa Dixital. A entrada, de balde, pódese conseguir premendo na ligazón xa habilitada.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou que “o 5 de outubro comezou un novo ciclo de obradoiros que se imparten no centro de coworking A Proa. Desta volta vaise a impartir esta semana un obradoiro de wordpress e o vindeiro xoves, 1 de decembro, celebrarase o primeiro Encontro dixital 2022, que está dirixido a profesionais do mundo tecnolóxico”.
A Proa é un espazo de traballo colaborativo que ten como obxectivo ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego. A instalación está concibida para “que persoas autónomas e emprendedoras compartan espazos, fomentando a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade”.
O local está localizado na entrada do Parque Empresarial do Milladoiro (Rúa das Hedras, 2), e conta con 400 metros cadrados, tres salas de xuntas, aulas de formación e eventos, unha zona de recepción, outra de reprografía, de descanso, aseos e un vestíbulo. O espazo pertence á Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña.

PUBLICIDADE