A RAG activa unha web para profundar no inxente legado político e cultural de Castelao

martes, 7 de xaneiro do 2025 S. P.

A Real Academia Galega comezou o ano estreando na súa web un novo espazo no que irá amosando ao longo do Ano Castelao os fondos que custodia relacionados coa vida e a obra do rianxeiro máis universal, dende manuscritos e fotos ata materiais bibliográficos e hemerográficos. Como lembraremos, este 2025 celébrase o 75 cabodano do pasamento do ilustre rianxeiro en Bos Aires, que falecía na capital arxentina tal día coma hoxe, o 7 de xaneiro de 1950.

Homenaxe das Irmandades da Fala a Castelao, en Lugo no 1935

A RAG quixo sumarse ás celebracións que lembrarán a figura e o legado do autor de Un ollo de vidro estreando un novo sitio web no que irá incorporando, ao longo dos vindeiros meses, distintos fondos que custodia relacionados con quen é “sen dúbida a gran figura política e cultural da Galicia contemporánea”, explicou o presidente da institución, Víctor F. Freixanes, engadindo que “xunto con Rosalía de Castro, Castelao é o primeiro referente da galeguidade. Rosalía no século XIX. Castelao no XX”. O presidente da Academia asistirá este mediodía á homenaxe no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres coa que arrinca a programación conmemorativa que desenvolverán ao longo do ano distintas entidades.
O novo sitio de academia.gal que se estrea este 7 de xaneiro consta de dúas seccións. En Castelao na RAG preséntanse de maneira divulgativa materiais da Academia relacionados co intelectual rianxeiro que poden ser de interese para a comunidade investigadora e tamén para o público xeral. “Este espazo acolle tanto os documentos gráficos e textuais conservados no noso arquivo —manuscritos dalgunhas conferencias, textos da súa autoría e outros documentos que sinalan a pegada que deixou Castelao— coma a súa presenza nos fondos bibliográficos e hemerográficos. Preténdese con todos eles ilustrar a obra e a biografía do rianxeiro”, explica o académico Henrique Monteagudo.
Na outra sección, Pezas destacadas, membros da RAG e outros especialistas presentarán cada mes unha peza senlleira relacionada coa biografía ou a obra de Castelao. “Aínda que non todas estean hoxe depositadas nas instalacións da RAG —como é o caso dos grandes cadros de cegos que se poden visitar no Museo de Pontevedra—, todas son propiedade da institución e como tales as ofrecemos ao público”, engade Monteagudo.
A bandeira do Consello de GalizaA primeira peza da colección da RAG que se amosa é a bandeira do Consello de Galiza, denominada bandeira de Castelao, empregada nas exequias do escritor en Bos Aires, que foi doada á Academia pola súa viúva. O encargado de comentala é Carlos Brandeiro, académico correspondente fincado na capital arxentina, quen recorda como a despedida deste galego universal conmoveu a cidade porteña: “Artigos nos xornais máis importantes da Arxentina; adhesións dende diferentes partes do mundo; emoción e dor nos discursos; milleiros de mans que teimaban en tocar o féretro; nove carrozas que portaban 87 coroas florais; unha manifestación que paralizou a avenida Belgrano; un funeral de Estado”.