A RAG e Alingua estudan lanzar novos proxectos innovadores a prol do galego

mércores, 28 de maio do 2025 S. P.

A Real Academia Galega (RAG) e Alingua (Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega que aglutina os servizos de normalización lingüística de 19 concellos) veñen de xuntar forzas para impulsar de xeito conxunto iniciativas a prol da normalización lingüística. O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, recibiu na mañá deste 28 de maio, na sede temporal da institución, unha representación da asociación que reúne preto dunha vintena de entidades locais co propósito de avanzar na normalización lingüística.
No encontro participaron por parte de Alingua o seu presidente, Ramón Varela Rodríguez, do Concello de Carballo; o secretario, Demetrio Gómez Xunqueira, do Concello de Pontevedra; e o tesoureiro, Gonzalo Castro, do Concello da Coruña; e mais Carme Pereiro, Xulia Rigueiro e Concepción Cochón, técnicas de normalización lingüística de Carballo, A Coruña e Pontevedra.
Entre outras cuestións, no encontro abordouse a posibilidade de cooperar na difusión do proxecto de acción e investigación Modo Galego, actívao!, posto en marcha pola RAG e o Concello de Ames, de cara á súa extensión a outros municipios. Henrique Monteagudo agradeceu o apoio na promoción desta iniciativa e amosou o interese da Real Academia Galega en proxectos compartidos entre concellos que promove Alingua como Enreguéifate, Youtubeiras, Club de Debate ou Apego. A lingua tamén ten impulsado a campaña de promoción do galego É túa. Pásaa!, que inclúe materiais tecnolóxicos para o impulso do galego entre a rapazada. A asociación púxose en marcha en 2019 cunha campaña nas redes sociais (Alingua aí!) que contou con algúns dos principais referentes dixitais da nova comunicación galega.
Alingua, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, está conformada polos concellos da Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Carballo, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía da Arousa.