A RAG e Política Lingüística lanzan Toponimízate 2023
xoves, 5 de outubro do 2023
- Víctor Freixanes, presidente da RAG, e Valentín García, secretario de Política Lingüística, na presentación da quinta entrega de Toponimízate
A
Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística
lanzaron unha
nova edición (a sexta) do programa Toponimízate. Falámosche dos
nomes da túa terra, cuxo principal obxectivo é
difundir o valor da riqueza toponímica galega e involucrar a moitos
colaboradores e colaboradoras para salvagardar os nomes de lugar a
través de Galicia Nomeada, a plataforma participativa
de recolla toponímica creada conxuntamente entre a Real Academia
Galega e a Xunta de Galicia. A acción enmárcase nos proxectos
Toponimia de Galicia e GeoArpad, impulsados ambos os dous desde a
Xunta de Galicia, e coordinarase desde a RAG en colaboración con
Política Lingüística.
Segundo
explican estas entidades sobre a verdadeira dimensión do proxecto
aberto, “a toponimia constitúe un aspecto fundamental do noso
patrimonio que liga a lingua propia coa xeografía, a historia ou a
arqueoloxía de noso”.
En
2023, na que xa é a súa sexta edición, Toponimízate
chegará a 12 concellos. Coas sesións que se van levar a cabo neste
ano, a campaña Toponimízate xa suma un total de 82
concellos.
Os
obxectivos deste programa son múltiples e atinxen tanto á veciñanza
coma aos técnicos municipais:
-Achegar
á cidadanía de cada concello valiosa información sobre a historia
do galego falado na súa contorna e sobre os modos de vida dos seus
antepasados, os feitos históricos que foron relevantes para eles e
as características da paisaxe no momento en que se bautizou cada
anaco da súa terra ou cada braza do seu mar. “Porque en Galicia
todo está nomeado e cada nome ten unha historia que contar, un anaco
de historia local que non figura nos libros e que aos veciños e
veciñas lles gustará coñecer”, sinalan dende a RAG e Política
Lingüística.
-Fornecer
aos técnicos municipais das ferramentas necesarias que lles
faciliten a tramitación de expedientes relacionados coa
planificación e xestión do territorio do termo municipal, nos que
deben empregar os topónimos normalizados, así como a posta en valor
e promoción turística da paisaxe e dos elementos do patrimonio
material e inmaterial que posúen.
-Fomentar
o uso da lingua galega entre a xente máis nova, pois promoverase que
sexa esta a lingua en que interactuen cos seus avós e veciños para
preguntarlles polos nomes de lugares e as lendas a eles asociados.
Tamén empregarán o galego coas novas tecnoloxías para subir toda
esa información a Internet. Os topónimos naceron en galego e así
deben usarse, tal como se manifesta no artigo 10 da Lei 3/1983 de
normalización lingüística.
-Fomentar
a presenza do galego nas tecnoloxías da información e da
comunicación. Traballarase cunha aplicación móbil que presentará
as últimas novidades en sistemas de información xeográfica e
abrirase deste xeito unha xanela ao mundo a través de Internet para
dar a coñecer a singularidades de cada concello.
-Xerar
dinámicas de traballo que promovan as relacións entre a sociedade,
entre as asociacións veciñais e culturais e as administracións.
Trátase de buscar a participación de toda a comunidade nun proxecto
cultural común, facendo un traballo cooperativo entre varias
xeracións, poñendo en valor a sabedoría dos máis vellos, a
intrahistoria de cada concello e a conservación do patrimonio
inmaterial (tradicións, folclore, coplas, lendas... asociadas aos
topónimos). Isto creará un sentimento de identidade colectiva
compartida e de continuidade.
A
xira de Toponimízate sexta edición
11
de outubro, 12:30 h Centro Sociocultural Friol Lugo
19 de outubro, 11:30
h IES de Becerreá Becerreá Lugo
20 de outubro, 19:30
h Auditorio municipal Xosé Casal Vila de Cruces Pontevedra
26 de outubro, 20:00
h Centro Cultural de Randufe Tui Pontevedra
27 de outubro, 20:00
h Casa da Cultura Trasmiras Ourense
2 de novembro, 20:00
h Casa dos Capeláns de Iria Padrón A Coruña
9 de novembro, 19:00
h Casa da Cultura Amoeiro Ourense
10 de novembro,
19:30 h Casa da Cultura A Pobra de Brollón Lugo
17 de novembro,
12:00 h CEIP Plurilingüe Santa Eulalia Dumbría A Coruña
21 de novembro,
12:30 h IES San Mamede Maceda Lugo
24 de novembro,
20:00 h Centro Cultural Ponte Caldelas Pontevedra
1 de decembro, 19:00
h Centro cívico social do Alto Castiñeiro Narón A Coruña