A RAG e PuntoGal baixan os prezos dos dominios galegos e lanzan concurso de micro-relatos

martes, 30 de xaneiro do 2018 Redacción

A Real Academia Galega e a plataforma Puntogal van xuntar forzas a prol de impulsar e espallar o dominio galego, .gal. E farano a través dunha campaña e dun reclamo ben concreto: a redución do prezo de novos rexistros durante o mes de febreiro (prezo máximo de 15 euros por dous anos). Ademais, premiaranse os mellores micro-relatos que concorran nun certame convocado ao abeiro da dita campaña. A RAG e Puntogal fixeron hoxe un chamamento á sociedade galega a participar (cidadáns, empresas, colectivos, institucións), poñendo o seu gran de area para fortalecer a presenza da nosa lingua na Rede. A campaña coincide no tempo con tres significativas celebracións: os aniversarios de Rosalía de Castro (24 de febreiro) e Eduardo Pondal (8 de febreiro), e o Día Internacional da Lingua Materna (21 de febreiro).
O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o presidente de PuntoGal, o tamén académico Manuel González, presentaron as ditas iniciativas esta mañá na sede da RAG. Con esta colaboración, a RAG aposta por “seguir potenciando a presenza do idioma na modernidade que representan as tecnoloxías da información e comunicación e por reforzar a identidade de Galicia no ciberespazo a través de .gal”, salientou Víctor F. Freixanes.
Segundo explicou Manuel González acerca das implicacións de xuntarmos forzas arredor do dominio galego, “o .gal é unha mensaxe continuada ao mundo a través do ciberespazo na que lles estamos dicindo que somos un pobo cunha lingua útil e funcional. Neste mundo globalizado, a identidade é un valor cada vez máis cotizado e o dominio .gal é un vehículo excelente para darlle a coñecer ao mundo a nosa identidade”.
González tamén lembrou que a día de hoxe, o dominio galego ten máis de 4.300 nomes rexistrados. Da súa xestión ocúpase a Asociación PuntoGal, a entidade sen ánimo de lucro constituída por entidades de todos os ámbitos da sociedade galega grazas á cal Galicia conta con esta marca de identidade no mundo virtual desde o ano 2014.
No acto tamén se fixo fincapé en que os rexistradores de dominio galego acollidos son Dinahosting, Arsys, CDMon, Blacknight e Openprovider. As condicións da promoción poderán consultarse en dominio.gal/promotion/ ou dirixíndose directamente ás empresas rexistradoras.
Premios tecnolóxicos e libros para os mellores textos de ata 200 palabras
A Real Academia Galega e Puntogal convocan ademais un concurso de micro-relatos para avivar a produción creativa nos novos espazos da comunicación. As persoas que desexen participar no concurso deberán enviar os textos, de até 200 palabras, ao correo comunicacion@academia.gal do 1 ao 28 de febreiro.
O primeiro premio consistirá nun Ipad e unha cámara goPro, o segundo, nun Kindle e un disco duro externo e o terceiro (poderá haber até tres), nun lote de libros, un dominio de balde durante un ano e merchandising de PuntoGal, agasallos estes últimos que tamén recibirán os dous mellores relatos. As bases completas poderán consultarse nas páxinas web dos organizadores. O xurado fará pública a súa decisión no mes de marzo.

PUBLICIDADE