A RAG e PuntoGal resolven o VIII Concurso de Microrrelatos con premios de Galicia a Polonia
martes, 17 de xuño do 2025
O VIII Concurso de Microrrelatos que organizan a Real Academia Galega (RAG) e PuntoGal xa ten palmarés. Na categoría de adultos proclamáronse gañadores Santiago Argüeso Galván (1997), gañador do 1º premio, e Damián Fernández Rodríguez (1986) e Rebeca Lema Martínez (1986), que se fixeron co segundo e o terceiro, respectivamente.
Na modalidade xuvenil os dous primeiros premios son para as veciñas de Guitiriz Yanira Ansede Iglesias (2008) e Mencía Rodríguez Lorenzo (2009). O terceiro, para a coruñesa María Conde Alba (2008). Da Coruña é tamén Ana López Canosa (2013), gañadora do primeiro da categoría infantil, na que Laura Álvarez Barrio (2013), veciña de Redondela, conseguiu o segundo e a luguesa Irene Suárez Rodríguez (2015) o terceiro.
Entre as case mil historias presentadas dun máximo de 200 palabras, os xurados recoñeceron ademais como finalistas seis textos de Marisa Vidal Collazo (1966), natural de Corme e veciña de Santiago de Compostela; Sara Jul Rivas (1972), de San Cibrao (Cervo); o compostelán Anxo Rey López (2010); Itxaso Illarramendi González (2010), veciña de Vigo; Airela Ónega Ferreiro (2015), de Lugo; e Xoel Villar Castro (2014), de Castrelo de Miño, gañador do terceiro premio na mesma categoria na edición do ano pasado.
A RAG, PuntoGal e Luzes, revista que colabora na organización do concurso, entregarán os premios o venres 18 de xullo nun acto aberto a todo o público que se celebrará no salón de actos da Fundación Luis Seoane (rúa San Francisco, 27 – A Coruña). As historias gañadoras poderán lerse nunha edición especial en liña que se publicará nas páxinas web das entidades convocantes e relatos.gal, e tamén, canda as finalistas, en Luzes.
Categoría de persoas adultas
Natural e veciño de Lugo, Santiago Argüeso Galván fíxose co primeiro premio de adultos coa historia titulada O cadro, 169 palabras que conmoven co ollada que ofrecen sobre a perda daquilo que marca a cotiandade dunha vida, destacou o xurado desta categoría, composto polo académico de número Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e tamén académico Manuel González, a académica correspondente Débora Campos, a xornalista Yolanda Virseda e o director xeral de PuntoGal, o xornalista Darío Janeiro.
Damián Fernández Rodríguez gañou o segundo premio con Lagamei Lalo, un relato de 106 palabras. Naceu en Ourense, medrou en Pontevedra e agora vive en Barcelona, onde traballa no ámbito da tradución, en procesos de calidade lingüística para empresas tecnolóxicas. O xurado sinala que esta historia ilustra a importancia das palabras e de formular ben as preguntas, e tamén dalgún xeito un tempo en que non se está disposto a sufrir, moito máis que a vida implique sufrimento.
Rebeca Lema Martínez (1986) mereceu o terceiro premio coa historia titulada Tan duro, un texto de 144 palabras no que constrúe con humor un personaxe que non é o que inicialmente o lector pensa. Con raíces familiares en Laxe, naceu na Coruña, viviu tamén en Vigo e Santiago de Compostela, e desde 2013 reside na capital de Polonia, onde exerce a docencia.
Marisa Vidal Collazo, finalista na mesma categoría con Seur, é docente de Física e Química e conta tamén con varias obras nas librarías, unha delas de carácter colectivo como parte das Comadres das Letras e outras coas asociacións Encrucillada e Mulleres Cristiás Galegas.
Tamén resultou finalista F+G=0, de Sara Jul Rivas, profesora de Matemáticas. Hai uns meses Sara apuntouse coa súa filla a un obradoiro de escritura con Antía Yáñez e foi así como se animou a concursar nunha edición na que, destaca o xurado, se constata o aumento progresivo do nivel, edición tras edición.
Xuvenil
Nas categorías xuvenil e infantil o xurado compuxérono os académicos correspondentes Xosé María Lema e Ana Romero Masiá; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, e a filóloga Cristina Ríos en representación de PuntoGal; e mais o editor e xornalista César Lorenzo. De acordo coa súa escolla, os dous primeiros premios para persoas de 12 a 17 anos son para dúas alumnas do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz.
Yanira Ansede Iglesias é a gañadora do primeiro xuvenil co relato titulado No tempo esquecido. Conta que non escribe moito, pero que ten moitas historias na cabeza, e gústanlle os coches e o fútbol. “Xogo dende os 4 anos e son afeccionada do Dépor”, explica.
Mencía Rodríguez Lorenzo conseguiu o segundo galardón xuvenil con A chave. Naceu nunha familia que lle inculcou o amor á lectura, e tamén á escritura, na que se iniciou en 2016 cando, cadrando coas Letras Galegas de Manuel María, a súa avoa paterna a agasallou cun exemplar d’Os soños na gaiola.
A noite que nunca olvidarán valeulle a María Conde Alba (2008), veciña da Coruña, o terceiro premio. Estuda o bacharelato internacional no Colexio Eirís e conta que lle gusta o piano dende os catro anos e pasar o tempo libre coas amizades.
O xurado destacou así mesmo como finalistas os relatos Esculcando na memoria, de Anxo Rey López, alumno de terceiro da ESO do IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela; e Éxtase, de Itxaso Illarramendi González (2010), alumna da Compañía de María de Vigo, apaixonada da lectura e da escritura e gañadora xa, malia a súa mocidade, dunha morea de premios.
Infantil
A coruñesa Ana López Canosa (2013), alumna de sexto do CEIP Zalaeta, é a gañadora do primeiro premio infantil con A negrura da noite. A lectura e a escritura son tamén parte da vida de Laura Álvarez Barrio, alumna de sexto do CEP Santa Mariña de Redondela, gañadora do segundo premio infantil con O libro do tempo esquecido. Irene Suárez Rodríguez, alumna de 9 anos do CEIP das Mercedes de Lugo, é a autora de O murmurio da montaña, o conto distinguido co terceiro premio. No mesmo colexio lugués estuda Airela Ónega Ferreiro, de 10 anos, outra apaixonada da lectura e tamén de falar, confesa. O seu relato Desexos voadores é un dos finalistas canda Indisciplina planetaria”, de Xoel Villar Castro, de 11 anos. Na edición anterior Xoel mereceu o terceiro premio deste concurso, e agora colleita un novo éxito para o CEIP de Castrelo de Miño neste concurso.
