A RAG e a Secretaría da Lingua pechan o proxecto Toponimízate 2024 cunha charla en Boiro
martes, 5 de novembro do 2024
A campaña da Real Academia Galega (RAG) e a Secretaría Xeral da Lingua Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chega á súa fin este venres, 8 de novembro, cunha charla no Centro Social de Boiro a partir das 20 horas. Vicente Feijoo, filólogo da RAG e coordinador técnico da aplicación móbil Galicia Nomeada, explicaralles aos veciños e veciñas como empregaren esta aplicación que lles permite participar na recolla de nomes de leiras, montes, regos e outros microtopónimos. A esta sesión asistirán tamén: o alcalde boirense, José Ramón Romero García, e mais a concelleira de Educación e Normalización Lingüística, María Outeiral Campos, que serán os presentadores.
Cómpre subliñar o papel relevante de Boiro neste proxecto, pois dende a presentación de Galicia Nomeada en decembro de 2019, este concello da comarca da Barbanza recibiu 623 achegas públicas de máis de 55 persoas colaboradoras. Porén, o número total de topónimos que figuran na plataforma Galicia Nomeada, 767, é menor dos recollidos en concellos próximos cos que comparte comarca, como Rianxo (2387) ou Ribeira (3458), malia o municipio boirense ter moita máis extensión territorial. “Por tanto, queda moito traballo por facer, especialmente en parroquias como Bealo ou Macenda, que contan con menos topónimos rexistrados”, sinala Vicente Feijoo.
O filólogo explicará de xeito práctico as principais funcionalidades da plataforma colaborativa Galicia Nomeada, tanto na versión web coma nas aplicacións para dispositivos móbiles: como solicitar unha conta de usuario, como engadir un novo topónimo, como enviar suxestións e completar a información da toponimia existente...
Na charla desvelarase ademais a orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas do concello de Boiro, contando co apoio na investigación das etimoloxías do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.
Entre os diferentes nomes que forman o concello, teñen especial importancia a abundancia de topónimos de orixe prerromana, como Bealo, Cespón ou Lampón, todos eles nomes únicos en Galicia. O público poderá ver ademais o episodio da serie O Seminario de Onomástica responde, no que a académica Ana Boullón explica a orixe e significado do nome do concello.
Engadir que a edición 2024 de Toponimízate pechará en Boiro un percorrido por unha ducia de concellos que comezaban o pasado mes de xuño. Dende a posta en marcha desta iniciativa da RAG, desenvolvida co apoio da Secretaría Xeral da Lingua, máis de oitenta concellos acolleron encontros coa veciñanza centrados na divulgación da toponimia galega e na súa salvagarda a través da colaboración cidadá facendo uso da aplicación Galicia Nomeada.