A RAG estrea a serie web Luísa Villalta: a rebelión da palabra

xoves, 11 de abril do 2024 S. P.

O pasado martes 9 de abril a Real Academia Galega (RAG) estreaba Luísa Villalta: a rebelión da palabra, unha serie web sobre a autora á que se lle adicará o vindeiro Día das Letras Galegas.
Indo ao documental, dicir que está dirixido por Damián Varela Pastrana, consta de seis episodios nos que a través de máis dunha vintena de voces se debuxa un retrato coral sobre a poeta, narradora, ensaísta e articulista coruñesa, unha creadora que -coinciden os entrevistados- cultivou a escoita para entender o mundo e concibiu a literatura como un xeito de transformalo a través da emoción.
A RAG confiou un ano máis en Miramemira -produtora d’O que arde e d’O corno- a realización do documental sobre a figura protagonista da gran festa da cultura galega. A cuarta serie das Letras Galegas da Academia (a primeira foi a do Ano Xela Arias).
Xunto aos testemuños recollidos, a narración -con guión de Alba López Álvarez- compleméntase coas contribucións artísticas doutros profesionais do ámbito da poesía, a música e as artes escénicas, atoparemos: recitados, música, danza e mesmo unha adaptación dunha das obras teatrais da escritora, Os dóces anos da guerra (2001).
Engadir que este proxecto se levou a cabo co apoio económico da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Son en total case dúas horas de cinema documental que comezan da man da irmá de Luísa Villalta, Susana, e a súa nai, María Gómez, e que avanzan cos testemuños de amizades e voces da cultura como Pilar Pallarés, Eva Veiga, Xurxo Souto, Miguel Anxo Fernán-Vello ou as académicas Ana Romaní e Margarita Ledo Andión. No derradeiro episodio intervén Maribel Longueira, a fotógrafa coa que Villalta concibira o poemario Papagaio (2006), unha denuncia da explotación sexual das mulleres e da especulación urbanística arredor do barrio coruñés do mesmo nome.
Luísa Villalta adicouse profesionalmente á docencia (sendo profesora de Lingua Galega e Literatura no ensino secundario) e decantarase pola escrita. Asemade tamén é titulada superior en violín, nunca abandonou a música. Esta é a protagonista salientábel das súas primeiras obras -o monólogo teatral Concerto para un home só (1989) e o poemario Música reservada (1991)-, e do rigoroso ensaio O outro lado da poesía, a música (1999). Así tamén é a música o eixe do episodio 2, Melodía, onde se rescata a voz da autora cantando unha versión do poema Chora fame, do poeta caboverdiano Gabriel Mariano, e o son do seu violino -como ela o chamaba- con Escaino, o grupo de folk do que formou parte entre finais dos anos 70 e primeiros 80 do século pasado.
Engadir que a banda sonora conta ademais coa violinista da Real Filharmonía de Galicia Kiyoko Ohashi, Óscar Silva e o dúo compostelán de electrónica-soul Aparato (Chus Silva e María Caramés), que avanza na serie o tema Amor disxunto, no que lle pon música a un poema de Música reservada.
As artes escénicas tamén están presentes na obra teatral de Villalta Os dóces anos da guerra, interpretada no capítulo 4 polas actrices de dobraxe Susana Leis e Cristal Lázare. As artes plásticas intégranse a través da colaxe que abre o episodio 5 e a danza e a dramaturxia son a cerna do derradeiro episodio, escrito en colaboración coa dramaturga e investigadora teatral Gena Baamonde e mais a bailarina e intérprete Andrea Quintana. Esta última é a encargada, xunto coa poeta Nuria Vil, da interpretación que ten como escenario a paisaxe urbana da Coruña.
En canto aos entrevistados, a serie conta cos testemuños de: María Gómez e Susana Villalta, nai e irmá da homenaxeada; Rubén Anido e Manuel Pérez, alumnos de Luísa Villalta no IES Isaac Díaz Pardo de Sada; autoras e autores que a coñeceron de preto e outras amizades e persoas que estudaron ou editaron parte da súa obra: Pilar Pallarés, Marga do Val, Ana Pillado, Xurxo Souto, Xosé Luís Martínez Pereiro, Estíbaliz Espinosa, Xosé María Álvarez Cáccamo, Eva Veiga, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ana Romaní, Maribel Longueira, Francisco X. Fernández Naval, Armando Requeixo, Alexandrina Fernández Otero, Inma Otero, Pilar García Negro, Margarita Ledo, María Xosé Bravo, Susana Sanches Arins, Lorena Conde e Inés Salvado.
Dicir que a produción contou coa colaboración de distintas institucións e particulares na cesión de material de arquivo como a: CRTVG, os fotógrafos Xoán Piñón, Xosé Abad e Xurxo Lobato, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, o Centro Ramón Piñeiro ou Teatro Proscrito, e especialmente a familia de Luísa Villalta.
A serie poderá verse na sección das Letras Galegas 2024 da páxina web da RAG reúne distintos contidos divulgativos sobre Luísa Villalta dende unha biografía por parte de Ana Romaní, ás Palabras de Luísa Villalta ou novas sobre a celebración do Día das Letras Galegas 2024 cadrando co vixésimo aniversario do seu pasamento.
Por último, a institución ofrece para o público máis novo o portal primaveradasletras.gal. Xoán Babarro e Ana María Fernández son os autores do conto biográfico, titulado Violino, Inglesa e o libro xigante, que conta coas imaxes do Premio Nacional de Ilustración Óscar Villán. Na mesma páxina web atópanse actividades interactivas arredor do universo de Luísa Villalta, fichas para colorear e ligazóns de interese, e proximamente publicarase a nova edición do concurso Contádenos o voso Día das Letras.