A RAG felicita a Redondela polo seu labor pioneiro na reivindicación física e dixital dos seus topónimos
martes, 25 de febreiro do 2025
A Real Academia Galega (RAG) felicitou ao Concello de Redondela pola súa decisión de incluír a toponimia no catálogo de bens patrimoniais do PXOM, en palabras da entidade “unha medida pioneira que honra este municipio e que debe servir de exemplo para outros”. Así valorou esta iniciativa o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, nunha xuntanza celebrada coa alcaldesa Digna Rivas, centrada nas accións de conservación e divulgación dos nomes de lugar do seu territorio. Nas medidas impulsadas inclúese unha web e a inclusión de códigos QR para que veciños e visitantes coñezan os topónimos locais e as súas orixes a través de cadanseu móbil.
No encontro tamén participaron o vicesecretario da RAG, Henrique Monteagudo, o académico Gonzalo Navaza, membro do Seminario de Onomástica, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas. A rexedora presentou aos membros da RAG o labor que se desenvolveu nos últimos anos para a recuperación e posta en valor da toponimia local. Tras o traballo de campo e o estudo filolóxico pertinente, Redondela leva editadas nove publicacións que recollen a microtoponimia das dúas parroquias. A serie, que segundo salientou “tivo moi boa acollida entre a veciñanza”, continuará este ano coas edicións correspondentes ao Viso, Trasmañó e Reboreda.
As publicacións poden descargarse na web Toponimia de Redondela, que recolle a explicación e a orixe de máis de 2.000 microtopónimos. A páxina facilita ademais a súa localización no mapa de Galicia Nomeada, o proxecto de toponimia de Galicia que coordina a Real Academia Galega, coa que Redondela colaborou achegando máis de 3.000 microtopónimos xeolocalizados.
Os responsábeis da RAG felicitaron ao Concello de Redondela “pola súa aposta decidida na defensa e promoción da lingua e cultura galegas, sendo unha administración pioneira neste eido”. Freixanes salientou especialmente o feito de que Redondela inclúa a toponimia dentro do catálogo de bens patrimoniais no seu PXOM. Trátase do primeiro concello de toda Galicia que o fai “e esta iniciativa para protexer este patrimonio é algo que honra a este Concello”.
O Concello avanzou que as placas das rúas que sexan habilitadas no futuro incluirán un código QR que levará a visitantes e veciños á dita plataforma para consultar que significa cada nome de lugar.