A RAG leva a súa campaña Toponimízate ao concello pontevedrés de Barro

xoves, 26 de setembro do 2024 S. P.

Coñecer de onde ves, saber máis sobre o lugar no que vives, o significado do seu nome, estes aspectos son o epicentro da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra ideada pola Real Academia Galega (RAG) co apoio da Secretaría da Lingua e que pecha o mes de setembro no concello pontevedrés de Barro. As persoas asistentes ao acto aprenderán nesta sesión que terá lugar o venres 27 no salón de plenos da Casa do Concello, a partir das 20 horas, como empregar a aplicación Galicia Nomeada, que lle permite á veciñanza participar na recolleita e xeorreferenciación de nomes de leiras, montes, camiños, regos e outros microtopónimos que corren o risco de se perder.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, presentará a charla, a cargo de Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e da unidade técnica de toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia, que organiza esta campaña coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua.
Salientar que a finalidade destas charlas Toponimízate é involucrar novos colaboradores que se sumen á plataforma Galicia Nomeada. Dela xa forman parte máis de 3700 usuarios e usuarias que, desde finais de 2019, recuperaron case 82.000 topónimos, só 54 no concello de Barro. A esta circunstancia cómpre sumarlle que Barro non foi obxecto do traballo de campo do Proxecto Toponimia de Galicia cando este estivo activo entre 2000 e 2011.
O público tamén coñecerá a orixe e significado dos nomes das parroquias de Barro, unha parte da charla que conta coas achegas etimolóxicas realizadas polo académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. Entre os diferentes nomes que se tratarán, figuran o da freguesía de Perdecanai, documentado nos textos da Idade Media como Pera de Canay e Parada Canay; un topónimo que é posíbel que leve consigo os nomes de dúas das aldeas desta parroquia, Parada e Canai.