A Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié están a amplificar con DiccionarioLab o radio de alcance do seu Portal das Palabras. Este proceso, sinalaron, está directamente relacionado coa participación de nós os internautas. Máis concretamente, coa filosofía que alentou dende os seus inicios o devandito Portal: a filosofía de modernizar as ferramentas do traballo lexicográfico, ofrecer produtos útiles e activar espazos de comunicación directa coa xente. Este é o alicerce do Portal das Palabras, das recentes actualizacións do Dicionario galego en liña máis as novas aplicacións para móbiles e o bot de Messenger. DicionarioLab, que se presenta hoxe, “é un novo paso adiante neste camiño”, en palabras da RAG.
Respecto da súa utilidade e os obxectivos, a idea é darlle visibilidade coma quen abre ao público un obradoiro de traballo. Así, explica a Academia, “todas as novidades, actualizacións e melloras que se desenvolvan para o Dicionario galego electrónico, o bot de Facebook ou as aplicacións móbiles estarán centralizadas nesta web”. Desta maneira, “se hai unha nova opción de busca, se se engade información ou se habilitan novas funcións, aparecerán en primeiro lugar en DicionarioLab”. Por que motivo?, pois “para que poidamos entre todos e todas probalas e valorar se se axustan ás necesidades de cada quen, antes de levalas definitivamente ás páxinas do Portal e a Academia”.
DicionarioLab, engaden as entidades impulsoras do obradoiro en liña, “opera como un auténtico laboratorio de probas e experimentos, aberto a todas as persoas interesadas e que queiran opinar sobre as melloras”. A idea, polo tanto, é que “o Dicionario será máis da xente ca nunca, xa que todos os que queiran van poder formar parte dos cambios que se fagan e participar cos seus comentarios e achegas no proceso de actualización”, explica a RAG.
Por certo que o feito de que o DicionarioLab se presentase precisamente hoxe non é casual. A idea é que coincidira a estrea da iniciativa co Día da Muller Traballadora, en palabras da RAG “unha data simbólica que se axusta moi ben á que é a primeira novidade que as usuarias e usuarios poden testar neste laboratorio virtual”. Trátase de poder procurar os nomes con variación de xénero a través da forma en feminino e chegar así ao lema que corresponde, “algo que viña sendo unha demanda reiterada por parte das usuarias e usuarios”. Para a entidade galega tratábase xa que logo dunha incorporación necesaria e urxente en termos de igualdade.
A RAG presenta o laboratorio de probas DicionarioLab, aberto, cooperativo e igualitario
Compartir Este Artigo

