A RAG publica na Rede os documentos do ingreso de Castelao na institución

xoves, 24 de xullo do 2025 S. P.

Coincidindo coa celebración do Día de Galicia, este venres 25, a Real Academia Galega (RAG) publicou na Rede os documentos sobre o ingreso de Castelao na institución o 25 de xullo de 1934. Inclúese a correspondencia arredor do nomeamento do escritor, debuxante e político rianxeiro e máis mecanoscrito do seu discurso de entrada na RAG, As cruces de pedra na Galiza.
Tal día como este venres 25
O 25 de xullo de 1934 Afonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950) convertíase en membro de número da Real Academia Galega. Nas vésperas do Día de Galicia e cadrando coa celebración do Ano Castelao, a institución difunde por primeira vez os documentos relacionados co seu ingreso. Entre os materiais que se poden consultar no sitio web que lle dedica ao rianxeiro nunha nova “peza destacada” que presenta o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, figuran o mecanoscrito do discurso que pronunciou aquel día. Amósase tamén a correspondencia na que Castelao expresa o seu desexo de que sexa Antón Vilar Ponte quen lle dea resposta á súa alocución ou o escrito no que Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Marcelo Macías lle propuxeron á corporación que o “insine artista e escritor” ocupase unha das cadeiras vacantes.
“Diante d’’iste nome, os propoñentes cóidanse dispensados de toda loubanza, e coidan qu’’a proposta de tan ilustre galego ha ser acollida por todol-os Señores Académicos con unánime ledicia”, expuñan os tres asinantes na carta asinada o 12 de febreiro de 1930 en Ourense. A misiva é un manuscrito do puño e letra de Risco, quen entrara coma Otero Pedrayo na RAG meses antes, en 1929, nun momento en que a institución comezaba a abrirse para incorporar os representantes dos novos tempos do galeguismo, marcados polas Irmandades da Fala e a xeración Nós. 
O documento sintetiza o currículo do candidato, “un dos nosos mellores prosistas”, que naquela altura xa publicara títulos como Arte e nacionalismo, Un ollo de vidro ou Cousas, así como numerosos artigos. A listaxe inclúe tamén un resumo da súa obra artística e outros méritos, como o feito de ser pensionado en dúas ocasións pola Xunta de Ampliación de Estudos para se formar en Francia, os Países Baixos, Alemaña e a Bretaña e acadar a terceira medalla da Exposición Nacional de Belas Artes.
A elección de Castelao como académico non se produciría ata o 3 de maio de 1933, sen que se coñezan as causas desta delonga. Porén, semella que o interesado non tivo noticia do nomeamento ata case un ano despois, cando en abril de 1934 recibiu unha carta da Academia solicitándolle que enviase o seu discurso de ingreso, requisito indispensable para culminar o proceso. Na carta datada o 27 de abril de 1934 que se pode consultar tamén no sitio web de Castelao, o rianxeiro di descoñecer que fose nomeado académico e que por tanto aínda non ten ningún discurso preparado. Móstrase en calquera caso honrado pola designación, agradécelle á RAG que o acepte como membro e comprométese a compoñer un discurso “tan axiña como me sexa posible”. 
Noutra das cartas dixitalizadas, escrita o 10 de xullo de 1934, anuncia ao presidente Manuel Lugrís Freire o envío do texto da súa disertación, titulada As cruces de pedra na Galiza. O ensaio de Castelao que chega á Academia para a ocasión é unha versión mecanografada pola súa dona, Virxinia Pereira, como el mesmo explica noutra carta.
A cerimonia de ingreso na RAG de Castelao celebrouse o 25 de xullo no mesmo escenario, o pazo municipal do Concello da Coruña, que naquela altura cedía parte dos seus espazos á institución.
As cruces de pedra na Galiza
A RAG explica que o discurso de ingreso na Academia de Castelao foi un resumo das súas investigacións sobre as cruces de pedra e os cruceiros. Ao longo da disertación debullou diferentes aspectos deses monumentos: orixe, cronoloxía, iconografía e tipoloxía. A pesar de que no decurso dos seus estudos el fora debuxando cruces e cruceiros, o texto destinado a ser lido na cerimonia non contiña ningunha ilustración. Houbo que agardar tres décadas para que se levase ao prelo, cando a RAG o publicou para conmemorar o Día das Letras Galegas de 1964, o segundo da historia tras o protagonizado por Rosalía de Castro. Esta edición dispoñible na web da Academia, a diferenza do texto orixinal, apareceu ilustrada con varios debuxos que procedían do libro sobre as cruces de pedra publicado en Buenos Aires en 1950 co mesmo título do discurso.