A RAGC concede a Medalla de Ouro á Fundación Barrié polo seu apoio ao avance científico
mércores, 1 de xullo do 2026
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) creou a súa Medalla de Ouro, máxima distinción que outorga a institución, para recoñecer o apoio de profesionais e entidades ao desenvolvemento da ciencia na nosa comunidade. A primeira Medalla decidiu concederse á Fundación Barrié. O evento de entrega celebrouse na tarde deste mércores 1 de xullo no Paraninfo da Universidade de Santiago.
A Medalla recolleuna a presidenta da Fundación, Pilar Romero, de mans do presidente da Academia, Juan Lema. Ao acto asistiron, ademais de académicas e académicos e membros do Padroado da Fundación Barrié, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a reitora da Universidade de Santiago, Rosa Crujeiras; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; a reitora da Universidade de Vigo, Carmen García; a directora da Fundación Barrié, Carmen Arias; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra. Houbo, así mesmo, unha nutrida representación de institucións políticas, culturais, económicas, científicas, académicas e sociais galegas.
A Fundación Barrié colabora coa RAGC desde os seus inicios. Esta colaboración materializouse ademais na recente creación dos Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC, que, tal como salientou o presidente da Academia, “permiten recoñecer a mellor ciencia que se fai en Galicia, poñer en valor o traballo das nosas investigadores e investigadoras e transmitir á sociedade a mensaxe fundamental que Galicia ten ciencia de primeiro nivel, talento e futuro”.
O presidente da RAGC lembrou que a Fundación Barrié cumpre 60 anos ininterrompidos de mecenado en Galicia: “Seis décadas de apoio sostido á educación, á cultura, á acción social e, dun xeito moi singular, á ciencia e á investigación. Non é esaxerado afirmar que, historicamente, é a institución civil que máis contribuíu ao progreso da ciencia e da investigación en Galicia”.
Lema engadiu que “nun momento no que Galicia afronta desafíos decisivos, desde a transición ambiental e dixital ata a retención do talento, desde a innovación industrial ata a cohesión social, o exemplo da Fundación Barrié conserva plena actualidade. O seu percorrido lémbranos que o futuro non se improvisa; constrúese con educación, con investigación, con cultura, con colaboración institucional e cunha confianza sostida nas capacidades das persoas”.
Ao recoller a Medalla, a presidenta da Fundación Barrié, Pilar Romero Vázquez-Gulías, manifestou: “Recibimos esta medalla con enorme gratitude e cun profundo sentido de responsabilidade. É un recoñecemento que sentimos compartido con todas as persoas que fan avanzar a ciencia co seu traballo e compromiso”.
Pola súa parte, a directora da Fundación, Carmen Arias, agradeceu a concesión desta distinción e salientou que “o feito de que proceda precisamente da RAGC faina aínda máis valiosa para nós, porque representa o recoñecemento dunha institución que simboliza a excelencia científica de Galicia e de quen consagrou a súa vida ao avance do coñecemento”.
Nas súa intervención, Arias lembrou tamén a visión de Pedro Barrié, fundador da entidade, ao sinalar que “unha sociedade industrial moderna non pode progresar sen unha adecuada investigación científica e técnica, e para que esta poida levarse a cabo é preciso apoiar centros onde os investigadores poidan traballar coas garantías necesarias”.
