A RAGC convoca a undécima edición dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia

venres, 28 de febreiro do 2025 S. P.

Recoñecer casos de éxito de transferencia de coñecemento na comunidade e difundilos á cidadanía é a finalidade dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2025, convocados pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) co poio da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Este ano os galardóns, que xa van pola undécima edición, divídense en dúas categorías. O Premio Francisco Guitián Ojea, que distingue un traballo de investigación aplicada para recoñecer a creación, por parte dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. O traballo pode ser inédito ou estar xa publicado con posterioridade a 2022.
A segunda categoría é o Premio Fernando Calvet Prats, que salienta un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía promovido por un grupo de investigación, froito da colaboración cunha empresa. Irá encamiñado ao grupo creador da tecnoloxía transferida.
Engadir que as dúas categorías están dotadas cada unha delas cun premio que ascende aos 5.000 euros e un diploma acreditativo. Poderán concorrer as e os investigadores das universidades galegas e dos centros de investigación, centros tecnolóxicos, fundacións sanitarias e demais organismos de investigación radicados en Galicia. Puntualizar que ao Premio Fernando Calvet Prats, os e as investigadoras poderán concorrer conxuntamente con empresas galegas ou que teñan un centro de traballo en Galicia. En ningunha das dúas modalidades poderán resultar galardoados grupos de investigación ou empresas que xa recibisen o premio nalgunha das tres edicións anteriores do certame, así como tampouco as académicas e académicos da Real Academia Galega de Ciencias.
O prazo para a recepción de solicitudes ábrese o 1 de marzo e pecharase o 30 de abril. A tramitación das candidaturas farase de xeito telemático.